Trátase da primeira peza teatral conservada en lingua galega, escrita por Gabriel Feixoo de Araúxo en 1671 e da que se cumpren 350 anos
O espectáculo, coproducido coa Companhia de Teatro de Braga, representarase na vila do Morrazo o 10 de xullo, despois de pasar polo Festival de Almagro
A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas desvelou hoxe toda a carteleira da súa 38ª edición, que se desenvolverá do 1 ao 10 de xullo con máis de 20 espectáculos galegos e de fóra de Galicia
O Centro Dramático Galego (CDG), unidade de produción teatral da Xunta de Galicia, levará a estrea galega de A contenda do río Miño o vindeiro 10 de xullo á Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCF). A peza, coproducida coa Companhia de Teatro de Braga (Portugal) chegará así a Galicia tras a súa presentación no Festival de Almagro, tal como anunciou hoxe o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, na presentación da carteleira completa do evento, que desenvolverá a súa 38ª edición nos dez primeiros días do mes que vén.
A montaxe baséase na obra A contenda dos labradores de Caldelas ou Entremés famoso sobre a pesca do río Miño, escrita de Gabriel Feixoo de Araúxo en 1671, considerada a primeira peza teatral en lingua galega conservada. A súa posta en escena enmárcase na conmemoración do seu 350º aniversario, así como na designación de Braga como Capital Cultural do Eixo Atlántico. Terá a súa estrea absoluta o 2 de xullo no prestixioso Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro.
Ademais de colaborar na MITCFC coa incorporación desta estrea ao seu programa, a Xunta apoia tamén a organización do V Torneo de Dramaturxia Galega e o desenvolvemento de diferentes accións formativas no marco deste encontro, un dos de máis longa traxectoria do panorama teatral galego e que vén contando co financiamento da Xunta de Galicia para a súa celebración.
Encontro pioneiro e comprometido
Na súa intervención, Jacobo Sutil reinvindicou o papel pioneiro da Mostra de Cangas e lembrou que esta foi unha das primeiras grandes citas culturais do país en apostar por recuperar o encontro co público na súa anterior edición, en xullo de 2020. “É por isto polo que non imos parar de recoñecer a valía de xestión, a capacidade de adaptación das nosas industrias culturais e o compromiso dos nosos profesionais coa tarefa común de difundir a nosa cultura. Tamén do noso público, que tanto nos está a animar e a estimular coa súa presenza”, engadiu.
Referíndose á actual edición da MITCFC, o director da Agadic destacou que serán máis de 20 espectáculos os que estarán en Cangas este ano, “onde temos que dirixir as miradas todos cantos gustamos do mellor teatro feito dentro e fóra de Galicia, entendido este como unha manifestación artística que cumpre unha función social insubstituíble, ao tempo que nos ha permitir o desfrute e a interacción física que tanto botamos de menos estes meses”.
Homenaxe a Xosé Manuel Pazos
A Mostra terá lugar do 1 ao 10 de xullo no Auditorio Municipal como sede principal, e noutros escenarios e localizacións da vila do Morrazo e das súas parroquias, co obxectivo de que veciños e visitantes poidan gozar das mellores propostas actuais do xénero. O evento arrancará cunha homenaxe a Xosé Manuel Pazos, alcalde de Cangas finado a comezos de ano e un dos creadores da Mostra, para quen os participantes da presentación de hoxe tiveron palabras de lembranza.
Inclúe tamén unha nova edición do premio e das xornadas Mulleres en Acción, cunha programación para darlle visibilidade ao traballo das mulleres no eido cultural e, en concreto das artes escénicas, a través de exposicións, obradoiros e charlas. Margarita Ledo Andión é a destinataria este ano do galardón, en recoñecemento ao seu labor como cineasta, escritora, xornalista e docente. O pregón, previsto para o 2 de xullo, correrá a cargo do actor Fran Paredes, veciño da vila. Pola súa banda, o narrador, xornalista e crítico teatral Camilo Franco recibirá o Premio Xiria ao Labor Teatral.
Carteleira
Entre os espectáculos galegos que compoñen a carteleira figuran Mocos, de Contraproducións; Semente. O home que plantaba árbores, de Eme2; O Monte das Aras, de Teatro de Ningures; Ghop!, de Teatro ao Cubo, ou Vencerse é cousa de se tratar, de Fernando Abreu. Tamén se amosarán tres montaxes en coprodución coa propia MITCFC: Castingjo, de Se Rial & Anabel Budiño; Isolada, de Cía. Pajarito e Abracadaver, de Assircopatas.
De fóra de Galicia chegarán, por exemplo, La señorita Doña Margarita, de Petra Martínez e Juan Margallo; El viento es salvaje, a cargo de Las niñas de Cádiz; Espécies Lázaro, da compañía portuguesa Teatro Art’Imagen; Ritos de Amor y Guerra, por Comando Señoras; Secretos de alcoba, de Miss Beige; El Gran Braulio, de Adrián Conde; Al otro lado, de Zanguango Teatro, ou La Xirgu, de Teatro del Norte.