Monday 25 de November de 2024

A Comisión Técnica de Protección Civil aprobou hoxe o Plan de Salvamento en praias de Galicia


O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, presidiu hoxe a reunión na que se aprobou este documento co que a Xunta pretende previr os accidentes e reducir os riscos nos espazos de baño marítimos e fluviais

No encontro tamén se aprobou o Plan de Emerxencia Municipal do concello de Cangas, así como os plans de actuación municipal fronte ao risco de rotura de presa en San Pedro de Coles e na de Sequeiros de Quiroga

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, presidiu hoxe a reunión na que a Comisión técnica permanente da Comisión Galega de Protección Civil someteu a informe a revisión do Plan de Salvamento en Praias de Galicia (Sapraga), que se vén aplicando durante case dúas décadas na comunidade.

O documento foi remitido á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para acadar a máxima difusión e un texto consensuado co que a Xunta pretende previr os accidentes e reducir os riscos nos espazos de baño marítimos e fluviais. Tendo en conta o reparto competencial en materia de praias, a adhesión dos concellos ao mesmo ten carácter voluntario.

Ademais, informouse favorablemente a actualización do plan de emerxencia exterior da emr EXOLUM Vigo (antes Compañía Loxística de Hidrocarburos,CLH) ), no que se integran os novos estudos de riscos.
Tamén se elevou para informe, a análise do estado do plan de emerxencia exterior do complexo industrial Praceres-Lourizán, tendo en conta que o xa non se atopa en explotación o establecemento de Elnosa, e as instalacións de Ence están a traballar nas salvagardas necesarias para evitar que os posibles accidentes poidan ter repercusións no exterior.
No encontro de hoxe tamén se homologou o Plan de Emerxencia Municipal do concello de Cangas, e os plans de actuación municipal fronte ao risco de rotura de presa en San Pedro de Coles e da de Sequeiros do concello de Quiroga.
O obxecto destes plans é preparar unha resposta municipal de xeito que os concellos teñan un dispositivo permanente en función dos riscos detectados, unha estrutura de mando e uns procedementos de actuación e catalogación dos medios cos que conta o concello. Así, a finalidade é que con esta planificación as actuacións que se leven a cabo en caso sexan as máis adecuadas á incidencia acontecida.
A Comisión técnica permanente de Protección Civil é un órgano de estudio e proposta dos temas que vaian a pasar a debate e aprobación pola Comisión Galega de Protección Civil, así como, a adopción de acordos en aquelas materias delegadas pola Comisión Galega de Protección Civil, entre outras, a homologación dos plans municipais.