Friday 22 de November de 2024

A Xunta está a construír 222 novos puntos de auga para a loita contra os lumes forestais cun investimento de máis de 2,2 millóns de euros


O conselleiro do Medio Rural, o director xeral de Defensa do Monte e a alcaldesa de Lousame supervisaron un novo depósito no municipio

Teresa Villaverde empraza á veciñanza de Tállara a unha reunión na que explicarán todas as posibilidades que dispoñen para cumprir coa roza obrigatoria na contorna das vivendas

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e da alcaldesa do concello de Lousame, María Teresa Villaverde, desprazouse ata este municipio coruñés para supervisar un novo punto de auga construído recentemente pola Xunta para a loita contra os incendios forestais, que conta cunha capacidade de 192.000 litros que servirá para a carga de auga de helicópteros e motobombas. Alí, destacou que precisamente este ano se están a construír outros 222 novos depósitos en toda Galicia por un importe de máis de 2,2 millóns de euros.

Neste senso, o conselleiro sinalou que a construción destes novos depósitos enmárcase na liña de axudas que anualmente saca a Consellería para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e en sociedades de fomento forestal (Sofor). Así, a orde contempla dúas liñas de actuacións, por unha parte subvencións para o control selectivo de combustible e, por outra, a construción de puntos de auga.

Ademais, salientou José González, no marco do Plan Preventivo de Galicia 2021, a Xunta está a levar a cabo o mantemento dos case 4.000 puntos de auga que están repartidos estratexicamente pola xeografía galega, co fin de estar nas mellores condicións ao inicio da tempada de alto risco.

Precisamente, salientou o conselleiro, no Distrito Forestal IV Barbanza existen a día de hoxe un total de 287 puntos de auga, dos cales 32 son neste municipio coruñés, e 2.032 en toda a provincia da Coruña. Segundo salientou José González, estas infraestruturas permiten cargar auga ás cisternas, ás motobombas e aos helicópteros que traballan na extinción de incendios polo que son “fundamentais” na loita contra os lumes.

Traballos de prevención

Durante a súa visita, o conselleiro tamén puxo en valor o resto de actuacións que contempla o Plan Preventivo que, cun orzamento duns 30 millóns de euros, permite actuar en máis de 58.000 hectáreas de monte e nuns 5.000 quilómetros de pista e vías de comunicación, entre outras accións.

Neste senso, durante a súa visita a Lousame, o titular de Medio Rural tamén supervisou tres obras que se están a levar no monte Agudo de Xestoso -que está en consorcio coa Xunta- e que conlevan a roza e rareo dunha superficie de case 45 hectáreas, entre obras das direccións xerais de Planificación e Ordenación Forestal e de Defensa do Monte. Así, trátase de diversas rozas sobre zona de rexeneración natural, baixo piñeiro, e tamén en zona alta sobre cortalumes. Tamén se están executando rareos e podas con eliminación de restos e rozas manuais en zonas próximas ás vivendas.

Doutra banda, José González sinalou que no concello de Lousame hai unha parroquia priorizada dentro do convenio subscrito entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a protección das aldeas, a de Tállara. Nela, a Xunta deulle a posibilidade aos particulares de xestionar a vexetación próxima ás vivendas por tan só 350 euros por hectárea. Neste senso, o conselleiro agradeceu o compromiso dos concellos en materia de loita contra incendios forestais, xa que son 269 os adheridos a este convenio, case o 86% dos municipios galegos.

Roza en Lousame

Pola súa banda, Teresa Villaverde agradeceu a presenza do conselleiro e do director xeral de Defensa do Monte en Lousame ao tempo que fixo un chamamento a toda a poboación: “isto é un tema serio. Xa se explicou que hai unha franxa de protección arredor dos núcleos e que hai que rozar. Hai parroquias de alto risco, como Tállara, onde no verán nos botamos todos as mans á cabeza e o que hai que facer agora é previr e cumprir os prazos de limpeza e seguridade dos núcleos”.

Neste sentido, a alcaldesa apuntou que “hai opcións para firmar convenios co Seaga, pois é moi barato o prezo para rozar, pero tamén hai outras opcións que exporemos nunha próxima reunión que convocaremos en Lousame en dez ou quince días”, segundo evolucione a pandemia sanitaria. “Non queremos que chegue o momento das sancións, pero van chegar se non se reacciona. Queremos que saiban todas as posibilidades que teñen pero o prazo se esgota”, advertiu Villaverde Pais.