Trala aprobación da ordenanza reguladora do servizo do comedor sobre rodas no pleno ordinario do día 27 de maio, o texto xa se atopa na exposición pública. Así o indicaron a concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo (BNG), e a educadora familiar do Concello, Lidia Martínez, no acto deste 1 de xuño no cal explicaron os detalles desta prestación -que contará con financiamento do Plan+Adicional 2021 para gastos sociais, da Deputación da Coruña-, para a cal animan a veciñanza a contactar co Departamento dos Servizos Sociais, a través do teléfono 981832764, para se informar de se pode optar a esta axuda e, de se-lo caso, ir preparando toda a documentación para axiliza-los trámites.
O servizo de comedor sobre rodas é un servizo de comida a domicilio que pretende facilitar e garantir unha alimentación equilibrada e de calidade, adaptada ás necesidades das persoas maiores e/ou dependentes que non poden valerse por si mesmas para cubri-las súas necesidades básicas relacionadas coa compra ou elaboración do catering. Os menús entregaranse de luns a venres, agás nos festivos, en horario de 12.00 a 14.30 horas no propio domicilio. Serán elaborados segundo as necesidades das persoas usuarias, baixo unha prescrición médica, de se-lo caso, e constarán dun primeiro prato, dun segundo e mais sobremesa.
A finalidade desta prestación radica en que as persoas maiores e/ou dependentes poidan seguir vivindo nos seus fogares o maior tempo posible e cun nivel de independencia e autonomía aceptable.
Máis polo miúdo, os obxectivos específicos son proporcionar unha dieta equilibrada e nutritiva que favoreza unha alimentación sa e axeitada, individualizada para cada beneficiario/a; prestar un servizo complementario doutros con carácter asistencial que existen para cubri-las necesidades básicas e ter apoio ante unha situación de emerxencia; atrasa-la institucionalización das persoas usuarias; e impulsar medidas de apoio á conciliación familiar e laboral.
Poderán ser beneficiarias do comedor sobre rodas aquelas persoas ou unidades familiares de convivencia empadroadas e residentes no concello da Pobra do Caramiñal, cun estado de necesidade recoñecido polos Servizos Sociais Comunitarios Básicos e sempre que cumpran uns requisitos recoñecidos para a súa concesión. Entre os requisitos xerais das persoas beneficiarias figuran o de seren maiores de 60 anos con limitacións de autonomía persoal e que non conten con apoio para desenvolverse por si mesmas; seren menores de 60 anos que por circunstancias persoais e/ou sociais precisen o servizo; ou seren dependentes que carezan de axuda para se desenvolveren na elaboración das comidas.
O órgano instrutor será o propio persoal dos Servizos Sociais. Seguirase un baremo de cualificación, no cal o máximo será de 50 puntos, mediante a aplicación dunha serie de criterios de valoración: a situación sociofamiliar e o apoio social (unha persoa que vive soa ou unha persoa que convive con familiares ou outras persoas) e a situación socioeconómica.