O obxectivo principal destas iniciativas é ofrecer aos usuarios servizos de formación, vivenda ou ocio, así como de coñecemento no ámbito ocupacional ou prelaboral orientado á busca da inclusión social
AO director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou hoxe o Centro Residencial para Personas con Discapacidade da Fundación Adcor, onde se ofrecen servizos de lecer, formación, emprego ou vivenda ás persoas que padecen algún tipo de discapacidade. Durante o acto, o representante do departamento autonómico salientou o compromiso da Xunta de Galicia coas persoas con discapacidade a través dun convenio que permite financiar con 81.000 euros as actividades e programas de promoción da autonomía das persoas e a prevención e atención á dependencia que leva a cabo entidade.
Fernando González Abeijón aproveitou a súa visita os usuarios do centro para subliñar a importancia deste tipo de programas, que achegan as actividades de tempo libre, o ocio seguro ou o desenvolvemento de hábitos que fomenten a autoestima, a responsabilidade o a autoxestión das persoas con discapacidade.
Obxectivos principais
Os programas dos centros da Fundación Adcor márcanse algúns obxectivos clave como, por exemplo, facilitar unha atención integral ás persoas con discapacidade encamiñada á promoción da súa vida autónoma e a normalización das súas condicións de vida e, por outra banda, a adquisición de coñecementos no ámbito ocupacional ou prelaboral orientados a facilitar a súa inclusión social.
O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade puxo en valor o labor e o esforzo levado a cabo por estas entidades que, malia as dificultades ás que tiveron que facer fronte durante a pandemia, continuaron apostando por novas iniciativas co fin de facilitar a vida dos usuarios e traballar polo seu benestar.