Friday 22 de November de 2024

O Concello de Moeche organizará xuntanzas veciñais para informar sobre os proxectos eólicos que se pretenden implantar no municipio


 

Moeche é un dos municipios da comarca onde está enriba da mesa a instalación de parques eólicos. Ata o momento sábese da existencia de polo menos 5 proxectos que lle afectarán en maior ou menor medida ao noso territorio, aínda que só polo seu nome ou pola documentación de consultas previas ambientais que se pode atopar despois dunha traballosa busca na rede. E é que a información concreta dos lugares, o número de muíños e outras infraestruturas que levan aparelladas -pistas, liñas de evacuación, subestacións, etc.- son unha incógnita na maior parte dos casos (incluso para o Concello) mentres o Estado ou a Xunta, os dous organismos competentes para a concesión das autorizacións, non inicien o trámite de exposición pública, intre no que tanto as veciñanza como o propio consistorio poderán coñecer con todo detalle o alcance destes proxectos e presentaren as alegacións que estimen oportunas. Porén, segundo parece, xa está habendo movementos por parte das empresas no sentido de buscar as persoas propietarias dos terreos, seguramente coa finalidade de amarrar contratos antes incluso da exposición pública de cada proxecto. O Concello leva varias semanas tentanto xuntar toda a información para ter unha composición de lugar dos parques que se queren instalar. Tan pronto se dispoña dela convocaranse xuntanzas informativas cos veciños e veciñas para facilitar todos os datos dispoñibles. A intención municipal é organizar reunións coas empresas para que sexan elas mesmas as que expliquen que pretenden facer e, por outra banda, promover encontros con persoas expertas na materia que ofrezan o seu punto de vista independente, sobre todo no relativo ás condicións contractuais sobre terreos afectados. Mentres tanto, desde o Concello recoméndase non asinar ningún contrato ou proposta sen contar cun asesoramento axeitado.

Os parques eólicos que se queren instalar en toda a comarca están en distintas fases da súa tramitación por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, xa que a concesión de parques de máis de 50MW é de competencia estatal, aínda que a Xunta tamén debe emitir informes favorables para autorizalos. A Consellaría de Economía anunciou hai varias semanas que crearía unha Rede de información provincial para avanzarlles aos concellos o contido dos proxectos suxeitos a tramitación ministerial que se pretenden instalar en cada territorio, mesmo antes do inicio da fase de exposición pública.

De momento esa rede non está creadas e os concellos, como é o caso de Moeche, só teñen coñecemento do alcance dos proxectos pola escasa documentación que hai sobre eles na web do Ministerio ou pola información que solicitaron algunhas empresas ao respecto da cualificación do chan en varias zonas do municipio, acompañada nalgúns casos da petición de autorización para instalar anemómetros

Dos que hai planos publicados en internet son dos parques Nordés -promovido por Greenalia Green Power- e do Parque Eólico Carbeira, da portuguesa EDP Renováveis, que tocan en ambos casos os territorios de Valdoviño, San Sadurniño,Cerdido e a zona de Abade, en Moeche. A maiores destes dous, que coinciden na mesma zona, buceando na rede tamén se atopan os títulos (só os títulos) do Parque Eólico Moeche (Energías Renovables del Noroeste SLU) e dos proxectos P.E. das Loibas e Ulfe-Ventureiro (Iberdrola Renovables Galicia SL.). Habería un sexto proxecto impulsado por ENEL do que non é posible obter na rede -igual que nos anteriores casos- nin dimensións nin tampouco cartografía que permita saber como se pretenden distribuír polo territorio.

Pouca información e moi deslabazada
“Os concellos buscamos información aquí e acolá para saber como nos afectará este boom eólico que parece que nos vén enriba. E non é fácil, porque hai pouca dispoñible e é difícil de atopar. Nos últimos días tamén houbo empresas que solicitaron información sobre as cualificación do chan e licenzas para a instalación de medidores do vento e, deste modo, imos facéndonos pouco a pouco unha idea de como quedaría Moeche en canto a proxectos que aspiran a obter autorización”, explica Beatriz Bascoy.

A alcaldesa comenta, ademais, que o Goberno local está cursando peticións á Xunta e ao Ministerio para que “informen con transparencia” de todos os proxectos que haxa en marcha. “A postura do Concello neste momento é tentar recoller toda a información posible para poder trasladarlla aos veciños e veciñas da maneira máis detallada que se poida antes de que os proxectos entren en exposición pública. É importante que toda a veciñanza, e tamén o Concello, dispoñan para daquela de todos os datos para poder defender correctamente os seus dereitos e os seus intereses. Debemos ter en conta que non se trata de proxectos precisamente pequenos. Todos os parques pasan dos 50 MW de potencia, con muíños de máis de 120 metros de altura e cunhas repercusións paisaxísticas e económicas en canto a produción que deben ser avaliadas e valoradas con detemento”.

Para iso, para ofrecer toda a información, o Concello ten previsto convocar xuntanzas veciñais nas que, por un lado, as empresas expliquen o contido dos proxectos, como por exemplo o número de muíños, as zonas de implantación, infraestruturas, etc., e incluso que compensacións teñen previstas pola ocupación dos predios e outras afeccións sobre a paisaxe. “Cando teñamos constancia oficial de cantos proxectos queren asentarse en Moeche proporémoslles ás empresas promotoras que nolos expliquen en xuntanzas cos veciños e veciñas. Outra cousa é que acepten manter eses encontros, pero o convite ímosllelo mandar para que teñan oportunidade de contarnos que queren facer e a cambio de que contrapartidas”, comenta a alcaldesa.

Beatriz Bascoy recorda que as autorizacións eólicas “son competencia da Xunta e do Estado” e que o Concello ten unha marxe de manobra “moi limitada” debido a que en municipios con normas subsidiarias -como é o caso de Moeche- o que rexe é o Plan Básico Autonómico aprobado pola Xunta. Ademais,o Goberno Galego aprobou en solitario recentemente a Lei de Reactivación Económica que, entre outras cousas, lle dá potestade para autorizar novos parques por fóra do Plan Eólico de Galicia, simplifícalles a tramitación ás empresas e incluso abre a porta a que se instalen en terreos onde antes non era posible polo tipo de chan ou pola súa riqueza ambiental. “No que poidamos e ata onde poidamos vixilaremos que os proxectos se axustan á normativa e defenderemos o interese colectivo”, avanza a alcaldesa.

Importante: non apresurarse a vender e non asinar contratos
Por outra banda, o Goberno local tamén quere organizar encontros con persoas e entidades que coñecen ben o sector eólico, como por exemplo o Observatorio Eólico de Galicia -promovido pola Universidade de Vigo, a Fundación Juana de Vega e a Fundación Isla Couto- ou asociacións de propietarios e propietarias de terreos onde xa hai instalados parques eólicos, co obxectivo de que acheguen a súa experiencia e valiosa información “que nos axude a salvagardar os nosos dereitos como veciños e veciñas e como Concello”.

Ao parecer, nas últimas semanas xa empezou a haber movementos por parte dalgunhas empresas “para sondear a receptividade de persoas que teñen montes nas zonas onde poderían instalarse os parques”. A este respecto desde o Concello pídese prudencia: “A xente é libre de facer como queira, pero o máis prudente neste momento, en espera de ter máis datos, é que non se comprometan con ningunha empresa. Antes de asinar nada, por moi bonito que llelo pinten, deben informarse e ler ben a letra pequena con axuda especializada de persoas da máxima confianza”. “Insistimos -prosegue Bascoy- primeiro temos que informarnos e, de momento, o noso consello é non asinar ningún contrato que nos ofrezan. Non hai apuro, e esa pode ser a diferenza entre obter unhas condicións vantaxosas ou un contrato abusivo que despois non se poida botar atrás ou que amarre ás persoas propietarias durante moitos anos”.

Neste sentido, o Observatorio Eólico de Galicia recomenda que non se negocien individualmente os contratos coas empresas, senón que os termos se acorden de maneira conxunta coas persoas e/ou entidades afectadas e que logo se trasladen aos contratos individuais. Como anticipo das xuntanzas que se van organizar proximamente, nas que esta cuestión será un dos asuntos principais, desde o Concello tamén se propón descargar e ler con detemento esta guía publicada polo OEGA (.pdf) onde se explica como funciona o sector eólico, que estratexias e trucos utilizan as empresas para negociar os seus acordos e cales son os tipos de contrato máis vantaxosos.