Friday 22 de November de 2024

O Concello de Miño prepara as instalacións dos seus areais para a tempada de verán


• Durante os últimos días realizáronse traballos de acondicionamento e de mantemento na contorna da Praia Grande.

O Concello de Miño encara a tempada de verán e prepara as instalacións dos seus areais de fronte ao habitual incremento de usuarios na época estival. Durante os últimos días realizáronse traballos de acondicionamento na contorna da Praia Grande.

Coa chegada do bo tempo, que tamén permite completar estas tarefas en mellores condicións, executáronse tarefas de roza e de eliminación de masa vexetal na zona do paseo da praia e do aparcamento.

Tamén se substituíron diversas táboas do pavimento das pasarelas peonís que estaban en mal estado debido ao uso e o paso do tempo. Preténdese así asegurar as condicións de seguridade do acceso á Praia Grande e manter a boa accesibilidade do percorrido.

Nova caseta de cobranza no aparcamento
Entre as actuacións que o Concello completou na contorna da Praia Grande destaca a construción dunha nova caseta para a cobranza no aparcamento do areal.
Trátase dunha estrutura desmontable dotada de xanelas que permitirá controlar os pagos e o aforo no recinto de maneira máis segura tanto para os vehículos como para os propios operarios.