Saturday 16 de November de 2024

Inés Rey : “Hoxe devolvémoslles a rúa Nova ás persoas”


A alcaldesa, acompañada do concelleiro de Mobilidade, Juan Díaz Villoslada, supervisou esta mañá a peonalización da vía Reordénase o tráfico nos Cantóns, que pasa a ter só dos carrís, os máis próximos aos Xardíns de Méndez Núñez, para a circulación de vehículos

A alcaldesa, Inés Rey, acompañada do concelleiro de Mobilidade, Juan Díaz Villoslada, supervisou esta mañá a peonalización de rúa Nova; ”unha rúa no centro da cidade que se suma desde hoxe ás rúas perpendiculares que son peonís desde hai moito anos co fin de humanizar a cidade e recuperar espazos para a veciñanza en detrimento do vehículo privado”. Rey sinalou que esta actuación forma parte do proxecto que se están realizando nos Cantóns para recuperar o espazo público para as coruñesas e coruñeses e ir ampliando estes espazos de convivencia “buscando un urbanismo máis amable, máis sustentable que contribúa ao calmado do tráfico e a potenciar outras formas de mobilidade persoal como poden ser as bicicletas ou os patíns, que convivirán nesta rúa coa cidadanía”. A peonalización supón recuperar preto de 1.500 metros cadrados para as persoas.

O edil de Mobilidade explicou que pola mañá se retiraron os semáforos e nos vindeiros días eliminaranse as liñas que limitan as prazas de aparcadoiro e os obstáculos visuais para poder gozar desta rúa totalmente peonil. A zona de carga e descarga transformarase nunha praza onde se instalarán bancos e elementos verdes. E, polo momento, non está previsto cambiar o pavimento empedrado desta rúa.

Pola rúa Nova só se permitirá a entrada de vehículos para carga e descarga en horario de 06.00 a 11.00 horas, con sentido de circulación contrario ao actual: entrada por San Andrés  e saída no Cantón Grande, nun punto habilitado para iso no Obelisco. Os vehículos que entren na cidade pola avenida de Alfonso Molina deberán desviarse por Juana de Vega se queren dirixirse á rúa San Andrés.

Esta mañá tamén finalizaron os traballos de reforma dos Cantóns. Reordénase a circulación de vehículos. A entrada e saída realizarase polos carrís máis próximos aos Xardíns de Méndez Núñez. Os outros dous carrís serán peonís e estanse realizando obras de asfaltado e sinalización para deixar listo o chan para a realización o vindeiro sábado do Gran premio Internacional de Marcha atlética.

Canto á circulación de buses privados e públicos, o edil de Mobilidade dixo que o Concello ten establecidas as mesmas paradas con modificacións fronte ao Obelisco e na praza de Mina. A paradas de taxis situarase no Cantón Grande, de maneira paralela e colindante ao carril de sentido saída e en Entrexardíns.