O executivo levará a pleno esta semana a Ordenanza do Galego para a súa aprobación definitiva, dándolle cumprimento así á Lei de
Uso do Galego nas Entidades Locais de 1988
O Goberno municipal levará a pleno o vindeiro xoves a Ordenanza do Galego para a súa aprobación definitiva. A Coruña, a única das cidades galegas que non conta cunha ordenanza específica para promover o uso do galego, pasará así a lle dar cumprimento á Lei de Uso do Galego como lingua oficial
das entidades locais, lei que entrou en vigor no ano 1988.
A ordenanza do Galego completa así a súa tramitación tras o período de exposición pública, en que foron presentadas 50 alegacións ao texto, das que o Goberno propón a aceptación de 18 por considerar que contribúen a enriquecer a o novo texto normativo.
Así, o executivo de Inés Rey acepta a proposta presentada pola Marea Atlántica para a creación dun Consello Local da Lingua, órgano que estará presidido pola alcaldesa (ou a persoa en que esta delegue) e do que formarán parte representantes do Goberno local, dos grupos políticos, das traballadoras e traballadores e dos propios servizos de Normalización Lingüística.
O Goberno, indicou José Manuel Lage Tuñas, concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, aceptou a meirande parte das propostas achegadas por Marea Atlántica para enriquecer o texto, mais tamén se tiveron en conta outras melloras aportadas por grupos políticos (PP) e particulares.
A nova ordenanza permitirá unificar os criterios de uso da lingua galega, contribuíndo á normalización do seu uso e á súa promoción desde a Administración local.
A ordenanza contribuirá a rematar coas discrepancias lingüísticas no rueiro e reforzará o uso do galego como lingua propia da Administracións tanto para os trámites como para a comunicación.
A aprobación da ordenanza suporá a culminación do proceso de normalización de uso do galego posto en marcha por Inés Rey, proceso en que se enmarcan a recuperación da microtoponimia local para o rueiro, o emprego por defecto do galego na páxina web do Concello ou o seu uso como lingua oficial na Rede de
Escolas Infantís Municipais.