Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Brión retoma as actividades para maiores de 60 anos cunhas xornadas de verán gratuítas todos os xoves de xullo


As actividades realizaranse en grupos reducidos e coa adopción de todas as medidas sanitarias pertinentes

O Concello de Brión retoma as actividades para maiores de 60 anos, suspendidas dende o inicio da pandemia sanitaria. A partir de mañá martes 1 de xuño, aqueles veciños e veciñas empadroados en Brión e maiores de 60 anos que o desexen poderán anotarse nas “Xornadas de Verán” programadas de balde polo Departamento de Servizos Sociais brionés. Unha iniciativa á que tamén se poden sumar as súas parellas, independentemente da súa idade.

A concelleira de Servizos Sociais, Rosa Romero, explica que “se trata de actividades de reencontro para os nosos maiores co profesorado e as actividades que se viñan realizando no Centro Social Polivalente e que foron suspendidas por mor da pandemia da Covid-19. Unhas actividades que terán lugar en grupos reducidos e coa adopción de todas as medidas sanitarias pertinentes”.

As actividades terán lugar todos os xoves de xullo, en horario de 10:00 a 12:00 horas, no centro social polivalente e na súa contorna. A programación de actividades inclúe unha xornada de reencontro e posta a punto con Elena Remesar, docente dos Obradoiros da Memoria; así como obradoiros de manualidades e de elaboración de tortas, cos mestres Aurora e Pablo. Así mesmo, están previstas dúas saídas: unha andaina pola contorna do polivalente da man do técnico de Deportes, Xosé M. Trigo; e unha visita ao Pazo do Faramello, na que estarán acompañados pola concelleira Rosa Romero e por unha das técnicos do Departamento de Servizos Sociais, Isabel.

A participación nestas actividades é totalmente gratuíta. As inscricións poderán facerse chamando ao teléfono 981 50 99 10 entre o 1 e o 15 de xuño. A admisión realizarase por orde de anotación, tendo presente que é requisito fundamental que a persoa teña máis de 60 anos e estea empadroada en Brión.