Trátase dunha idea baseada na economía circular e impulsada polo xogador galego de baloncesto Carlos Martínez que permite fabricar canastras de calidade a partir de aparellos pesqueiros recuperados pola Asociación de Redeiras Illa da Estrela
A responsable autonómica subliña a aposta da Xunta por proxectos que, coma este, pretenden darlle unha segunda vida aos residuos mariños, ao tempo que poñen en valor o traballo especializado e manual que desenvolven estas mulleres
Concidindo coa Semana do Medio Ambiente, que terá o seu día grande este sábado, a Xunta de Galicia acaba de sumarse ao proxecto EcoBallution, unha iniciativa ideada e promovida polo xogador galego de baloncesto Carlos Martínez que se basea na recuperación de refugallos procedentes do sector marítimo —grazas á colaboración da Asociación de Redeiras Illa da Estrela de Corme (Ponteceso)— para fabricar material deportivo reciclado.
Precisamente, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou hoxe o porto coruñés co fin de coñecer o traballo que realizan estas traballadoras para EcoBallution, limpando e recuperando de forma artesanal redes que xa foron desbotadas polos barcos pesqueiros para reutilizalas na elaboración de canastras de baloncesto e outros artigos deportivos de calidade.
Coa súa implicación nesta iniciativa innovadora e inspirada na economía circular, segundo dixo a conselleira, a Xunta quere contribuír á súa consolidación e crecemento naa comunidade, fixándose como obxectivo que instalacións deportivas de toda Galicia aposten pola utilización de material reciclado como canastras, redes de portería, complementos, accesorios e mesmo roupa deportiva.
Acompañada por Carlos Martínez, promotor do proxecto e xogador profesional de baloncesto, Ángeles Vázquez felicitou á asociación polo traballo especializado e artesanal que realizan de forma cotiá e particularmente no marco deste proxecto, incidindo no papel clave que sempre xogou o colectivo das redeiras dentro do sector pesqueiro galego.
Neste sentido, argumentou que a implicación do seu departamento nesta idea, na que participará a partir de agora a través de Sogama, ten unha dobre vertente social xa que, por unha banda, contribúe á reciclaxe, o cambio de modelo cara á economía circular e a sostenibilidade; e pola outra, pon en valor unha profesión característica e tradicional de Galicia, dándolle visibilidade ao colectivo das redeiras.
Ademais, a conselleira tamén quixo resaltar que esta unión entre dous mundos aparentemente distanciados, como son o deporte e a artesanía e tradición mariñeiras, encaixa perfectamente cos principios da economía circular, que aposta polo consumo responsable dos recursos naturais e a súa redución progresiva dándolle unha “segunda oportunidade” aos residuos a través da reciclaxe.
“Hai que agradecer a iniciativa de Carlos, xogador internacional do mundo do baloncesto e un galego de a pé que nos leva continuamente no corazón pero que quere poñer o selo desa Galicia Calidade artesá alí onde queira que estea”, concluíu a conselleira.
Por último, tamén o promotor do proxecto quixo incidir nas diferentes “patas sociais” que ten a iniciativa, coa que aspira a contribuír “non só a reciclaxe, senón tamén a poñer en valor a estas profesionais artesás que fan un traballo ás veces menos recoñecido do que debería”.