A Concelleira de Servizos Sociais participou hoxe nun encontro coa directora executiva da UNRWA, que explicará a intervención psicosocial
A concelleira de Servizos Sociais de Municipio, María Jesús González Roel, participou hoxe en Santiago de Compostela nun encontro coa directora executiva da Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina (UNRWA-España), Raquel Martí. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade organiza a xuntanza, na que se explicará a intervención psicosocial coa poboación refuxiada de Gaza á que contribúe esta asociación de concellos e deputacións, da que Cambre forma parte. A presentación desenvolverase entre as 10 e as 11 horas na sede da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e será retransmitida a través de Twitter co hashtag #UnrwaFondo.
Logo da ofensiva militar que se produciu entre o 8 de xullo e o 26 de agosto, a Asemblea do Fondo Galego resolveu doar 10.000 euros á UNRWA para apoiar os equipos de saúde mental que atenden á poboación no contexto postbélico. A doazón destinouse ao proxecto ‘Apoio psicosocial para as vítimas da operación Protective Edge en Gaza’, que forma parte do Plan de Resposta á Emerxencia da franxa. Grazas á colaboración do Fondo Galego, preto de 1.500 persoas se beneficiarán das terapias impartidas por seis terapeutas durante dous meses. Realizaranse distintas actividades, tanto individuais como grupais, nas que se traballa desde o punto de vista da psicoloxía positiva.
Tras os 50 días de ofensiva, 2.254 palestinas e palestinos perderon a vida, incluíndo 538 menores, e máis de 18.000 casas quedaron destruídas. Todo isto danou o tecido social e debilitou os lazos existentes entre comunidades. Arredor de 375.000 nenas e nenos e 60.000 persoas adultas foron identificadas como posibles beneficiarias do programa de apoio psicosocial por múltiples razóns, como a perda de familiares durante os ataques, a destrución do fogar, os elevados niveis de estrés, etc. O obxectivo desta iniciativa é reducir a vulnerabilidade psicolóxica e mellorar a resiliencia para afrontar os efectos adversos que teñan acontecido ou que vaian acontecer.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 87 Concellos e as Deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido uns 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.