Friday 22 de November de 2024

O Concello de Padrón aproba a adhesión do municipio á Fundación Refuxio de Animais de Bando


En sesión plenaria tamén se subscribiu o convenio de colaboración da Xunta e da Fegamp para o emprego dun novidoso programa de xestión documental dos arquivos

O Concello de Padrón aprobou por unanimidade en sesión plenaria a adhesión do municipio á Fundación Refuxio de Animais de Bando co obxectivo de mellorar o servizo local de protección animal. O Executivo local analizou as distintas opcións existentes para proporcionar a atención necesaria aos animais domésticos vagabundos e para dar un paso máis na prevención do abandono. A adhesión a este grupo implica facer máis visible esta problemática, incrementar as posibilidades de que estes animais poidan ser adoptados e afondar las labores de difusión e nas campañas de sensibilización. A posibilidade de entrar a formar parte da Fundación Refuxio de Animais de Bando implica participar nunha institución de xestión compartida e participativa, integrada por particulares, empresas e institucións.

As cotas deste servizo serán mensuais e establécense en base a dous conceptos diferenciados, unha cota fixa en función do número de habitantes do Concello e unha cota variable por cada animal que ingrese no Refuxio con independencia do tempo da súa estancia. Pola súa parte, a recollida dos animais na rúa será responsabilidade do Concello, que o derivará a unha empresa externa ou, en casos puntuais, ao Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES). Para a adhesión a este grupo, o equipo de Benestar Animal do Concello de Padrón realizou unha intensa labor de comparación entre diferentes entidades e o Refuxio de Bando resultou ser a opción máis accesible e a que ofrece máis garantías.
Novo servizo de xestión documental dos arquivos

Na mesma sesión plenaria celebrada pola Corporación local de Padrón tamén se aprobou a adhesión ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia e a FEGAMP para ter acceso a un novo servizo de xestión documental dos arquivos municipais a través dun novidoso software denominado ARQA. Dende a Dirección Xeral de Política Cultural da consellería de Cultura e Turismo informouse sobre a nova aplicación de xestión documental para os arquivos da administración local elaborada por AMTEGA e que se pon a disposición dos municipios en substitución da anterior, XARAL.

No pleno explicouse que na actualidade o Concello de Padrón carece dos recursos técnicos e humanos suficientemente cualificados como para poder deseñar unha ferramenta informática destas características. A través desta nova aplicación vaise actualizar o software de xestión documental, realizar a migración dos datos existentes, ofrecer asesoramento técnico nos procesos, entre outras. Se ben, o Concello de Padrón seguirá sendo responsable da xestión, custodia e acceso de estes arquivos