· O evento serviu, así mesmo, para presentar As pulsacións, co que Manuel López Rodríguez gañou a XXIII edición do certame.
A Casa da Cultura de Carral acolleu hoxe, venres 28 de maio, o acto central do XXIV Premio de Poesía Concello de Carral. Por un lado, o acto serviu para conceder o galardón da presente edición, que recaeu nas mans de Álex Mene pola súa obra Os puntos do impacto. Polo outro, no evento levouse a cabo a presentación de As pulsacións de Manuel López Rodríguez, o poemario que gañou o premio o pasado ano, e que pasará a formar parte da colección de Edicións Espiral Maior.
Á entrega acudiu o alcalde, Javier Gestal, membros do goberno e da corporación municipal do Concello de Carral, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, a crítica literaria e representante do xurado, Inma Otero, o responsable de Edicións Espiral Maior, Fernán Vello, e os gañadores desta e da pasada edición, Álex Mene e Manuel López Rodríguez, respectivamente.
Debido á situación sanitaria, o evento contou cun aforo reducido. A diferenza doutras edicións, e co fin de extremar as precaucións pola COVID-19, non se realizou ningún tipo de intervención artística.
Carral, capital da poesía galega en 2022
Durante a súa intervención, o rexedor aproveitou a ocasión para felicitar aos gañadores da presente e da pasada edición. Así mesmo, Gestal adiantou que “estamos xa a traballar para que no ano 2022 Carral sexa a capital da poesía galega”, coincidindo co 25 aniversario deste Certame. Para facelo posible, o alcalde solicitou a colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña, máis aínda, “estendéndose o Xacobeo ao vindeiro ano, esta celebración é un interesante atractivo para galegos e foráneos”. Gestal agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia, da Editorial Espiral Maior e o traballo realizado polos membros do xurado.
Un universo orixinal e coherente
Os puntos do impacto converteuse na obra gañadora do XXIV Premio de Poesía tras conquistar ao tribunal do certame cun “universo orixinal e coherente e cunha estrutura ben elaborada, na que sobresae a solidez da voz poética, propoñendo unha volta á ancestralidade e un retorno do ser humano á natureza para diluírse nela”.
Álex Mene (Vigo, 1969) é doutor en Belas Artes pola Universidade de Vigo e licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid, cidade onde tamén se especializou en Realización e Produción no Instituto Oficial de Radio e Televisión. No ano 2018 publicou o álbum ilustrado A raíña das tortas –Alvarellos-. Así mesmo, gañou o I Certame de Literatura Infantil e Xuvenil “Muíño do Vento” coa súa obra Indómita e a semente da inmortalidade –Bululú-. No ano 2020 obtivo o 3º premio no Certame de Narracións Breves Manuel Murguía polo texto titulado A herdeira (Foto de familia). Este ano, a súa novela Ana e as súas irmáns (Do Peirao) verá a luz.