Thursday 21 de November de 2024

Meteogalicia anuncia, por fin, bo tempo para que San Sadurniño poida renderlle tributo a Xela Arias


Desenvolveranse nos Xardíns Municipais entre as 11.00 e as 14.00h. deste domingo

Este domingo, “juevo frito” pola mañá e pola tarde. Así o reflicten os mapas de previsións de Meteogalicia e da AEMET, indicando que o Anticiclón das Azores, finalmente, será un aliado para celebrar as Letras Galegas en San Sadurniño despois de ter que suspender os actos en dúas ocasións. Entre as 11 e as 14.00h., os Xardíns Municipais acollerán unha chea de actividades ao longo dun percorrido literario pola historia do 17 de Maio salpicado con música e arte local que, no seu punto final, desembocará nun recuncho de creación dedicado a Xela Arias, a poeta, editora, tradutora e mestra á que se lle rende tributo este ano. A Concellaría de Cultura preparaba esta mañá todo o entorno para o domingo, incidindo en que o principal obxectivo é propor unha xornada segura que, ademais, convide a vir dar unha volta por San Sadurniño.

Deberase entrar polo enreixado da Casa do Concello e logo baixar aos xardíns polo lado dereito do pazo. O primeiro que se atopará será un punto de rexistro “para cumprir coa normativa anti COVID”, sinalou a titular da área, Amparo Calvo e, moi pretiño de alí, un photocall en forma de grande libro deseñado pola artista local Paula Aneiros.

Logo, seguindo os sendeiros, haberá 58 citas correspondentes ás 58 homenaxes que desde 1963 se veñen organizando con motivo do 17 de maio. Ao longo dese trazado intercalaranse as voces e músicas das escolas municipais de pandeireta e gaita e, ademais, ás 13.00h. a pista multixogos acollerá un pequeno concerto de Sanjurjo, Dopico e Cardalda.

No tramo final disporase o Recuncho de Xela Arias, un espazo creativo onde se poderán depositar citas en galego, o título do libro máis desexado, ese poema que se aprendeu hai anos e aínda se recorda, aquela palabra galega que máis gusta… Do que se trata é de escribirlle a Xela o que se queira. Chega con traer a idea da casa, posto que o material necesario para expresala corre por conta da Concellaría de Cultura.

Cada contribución que se faga no recuncho entrará en cinco sorteos -xogos de Trivial, axendas da autora homenaxeada e láminas do polifacético Carlos García- que se celebrarán ao remate da xornada, pouco antes das 14.00h.

A concelleira apunta que a celebración das Letras galegas tamén quere poñer en valor a creación local, de aí que se convidase a participar nela aos dous artistas plásticos, ás escolas municipais e a Sanjurjo, Dopico e Cardalda. Ademais Cultura tamén lanza o convite para achegarse aos xardíns e vir “dar un paseo por San Sadurniño”, nunha mañá que tamén quere contribuír á recuperación da hostalaría. “Todo está pensado e feito coa nosa xente e para a nosa xente”, remarca Amparo Calvo.