Friday 22 de November de 2024

A Mancomunidade de Ordes imparte o programa ‘Educando en Igualdade’ entre a comunidade educativa


Ata finais de maio a axente de igualdade do CIM traballará en todos os CEIP e escolas unitarias da comarca, para superar os estereotipos sexistas, potenciar relacións igualitarias e previr a violencia de xénero

A Mancomunidade de Ordes, a través do CIM, incide unha vez máis no seu compromiso coa igualdade entre homes e mulleres e a loita contra a violencia de xénero. De aí que novamente se emprenda o programa ‘Educando en Igualdade’, no que os principais axentes implicados son os nenos e nenas de Educación Infantil e Primaria. De febreiro a finais de maio traballarase co alumnado de 2º, 4º e 6º, así como co das escolas unitarias de cada un dos sete concellos que constitúen a Mancomunidade de Ordes. Con esta iniciativa perséguese que toda a comunidade educativa traballe e se relacione desde unha perspectiva coeducativa para superar os estereotipos sexistas, potenciar unhas relacións igualitarias e previr a violencia de xénero.

A metodoloxía a seguir organizarase ao longo de dúas sesións por aula. Nestes días a axente de igualdade do CIM da Mancomunidade de Ordes valerase de contos ou narracións para traballar sobre os valores máis importantes a ter en conta. Ademais tamén se realizarán obradoiros e actividades grupais para poñer en práctica aqueles aspectos resolutivos e características igualitarias abordadas previamente.

Entre os obxectivos máis importantes do programa ‘Educar en Igualdade’ destácase a importancia da coeducación e a prevención da violencia de xénero, desenvolver un pensamento crítico que permita analizar os estereotipos de xénero e o condicionamento de decisións, coñecer e analizar o modelo de socialización diferenciada transmitida a través dos contos, reflexionar sobre as características asignadas socialmente aos homes e ás mulleres e as consecuencias da desigualdade, coñecer as diferenzas entre sexo e xénero, recoñecer os roles e comportamentos atribuídos socialmente, reflexionar sobre as relacións amorosas de desigualdade, ademais de promover un cambio de actitude e de comportamento en relación á corresponsabilidade.