Saturday 16 de November de 2024

O programa CoidarNos protagonizará o xoves 3 de xuño un webinario do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia


A sesión desenvolverase dentro do programa Falamos da Vogalía de Formación do COPG

O programa CoidarNos, grupo de apoio a persoas coidadoras de familiares en situación de dependencia do Concello de Boqueixón, será protagonista dun webinario o vindeiro xoves 3 de xuño ás 20.00 horas. Esta sesión, encadrada dentro do Ciclo de experiencias compartidas Falamos que organiza o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG), ofrecerá detalles sobre o desenvolvemento e os principais fins do devandito programa municipal.

A presentación correrá a cargo das súas coordinadoras, Ana Anta e Yolanda Neira, traballadora social e psicóloga do CIM de Boqueixón, respectivamente. CoidarNos cumpre, precisamente, este mes 5 anos da súa posta en marcha, tendo participado neste grupo preto dunha vintena de persoas durante este lustro de actividade.

Esta sesión, de carácter gratuíto, está aberta a toda a cidadanía, previa inscrición. Esta deberá formalizarse nesta ligazón https://zoom.us/webinar/register/WN_iuLnXcPZSbiTFURNkjgljA.

“A participación como oínte neste seminario web resulta de interese para todas aquelas persoas que desexen coñecer o programa. Tamén poderán saber como se traballa a través da intervención grupal e cales son os beneficios de participar nun grupo de apoio”, explican as coordinadoras do proxecto.

O programa CoidarNos prevé poñer en marcha nos vindeiros meses un novo grupo de apoio para dar cabida a outras persoas coidadoras. É por iso que tanto Ana Anta como Yolanda Neira animan ás persoas coidadoras a inscribirse ao seminario web como un xeito de recibir información detallada sobre o programa á fin de valorar sumarse a esta iniciativa.