O orzamento desta actuación ascende a preto de 154.000 euros
O Concello de Lousame aprobou por unanimidade en sesión plenaria o proxecto técnico de mellora do viario á Escabia, así como da relación de titulares de bens e dereitos afectados, aos efectos da súa expropiación. “Trátase dunha actuación que responde a unha demanda da veciñanza desta área e hoxe damos luz verde ao proxecto técnico de mellora, que xa ten o visto bo das diferentes administracións”, explicou a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde.
O proxecto da Escabia contempla a mellora do viario e o traslado do eixo da vía nunha área que se derrubou previamente. A actuación conta cunha superficie de 2.350 m2 con vinte centímetros de zahorra artificial procedente de canteira, quince de grava, rego de penetración e cinco centímetros de aglomerado en quente a toda a plataforma, previa execución de movemento de terras necesario. Tamén se pretende a execución de 260 metros de cuneta de seguridade, revestida de formigón e dun muro de 100 metros. Asemade, contemplase a canalización de 170 m de tubo de polipropileno. Completan a obra a sinalización horizontal con pintado de liñas en bordes e eixo e instalación dunha barreira de seguridade.
En función das características descritas no proxecto establecese un prazo de seis meses para a execución completa das obras dende a súa contratación. O presuposto para a licitación do proxecto ascende a preto de 154.000 euros.
Neste pleno ordinario tamén se aprobou o Plan Estratéxico de Subvencións do Concello de Lousame para o período de 2021 a 2023. Este documento é imprescindible para sentar as bases deste procedemento co que se da resposta, con medidas de apoio financeiro, ás demandas sociais e económicas de entidades públicas ou privadas do municipio. Nesta sesión, a corporación local tamén votou a favor da nova Ordenanza Xeral de Subvencións do Concello de Lousame, que actualiza o documento aprobado hai 16 anos e adáptao á lexislación vixente.