Thursday 21 de November de 2024

A Xunta instala a plataforma dixital de información en cinco novas oficinas de turismo de Santiago, A Coruña e Vigo


Os equipos, que poderán recoller datos sobre o grao de interese dos visitantes, informan e poñen en valor campañas, produtos, servizos, recursos e eventos turísticos

As plataformas dixitais de Mazarelos, Carretas e Aeroporto, en Santiago; e as de Vigo a A Coruña, súmanse as que xa funcionaban en Madrid, e na Axencia Turismo de Galicia

A actuación forma parte do plan SmartTurismo impulsado pola Xunta e se ampliará ao resto da Rede de Oficinas de Turismo de Galicia

Cinco oficinas de Turismo de Galicia en Santiago, A Coruña e Vigo dispoñen xa da plataforma dixital que permite aos viaxeiros acceder a información e datos sobre campañas, produtos, servizos, recursos ou eventos. Estas instalacións súmanse ás que xa estaban operativas en Madrid e nas dependencias de Turismo de Galicia na Barcia.

O equipamento englóbase no plan Smart Turismo, desenvolvido por Turismo de Galicia e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), e ten como obxectivo mellorar a calidade e a posta a disposición da información turística a través da Rede de Oficinas de Turismo de Galicia.

As novas plataformas dixitais atópanse nas oficinas de Mazarelos, Carretas e Aeroporto, en Santiago; así como nas da Coruña e Vigo, e constan de equipamento especializado con monitores para carteis dixitais, videowalls, soportes publicitarios fixos con pantallas (tótems) e monitores. Tamén dispoñen do software de xestión para a administración da plataforma e os seus contidos.

A plataforma dixital de información da Rede de Oficinas de Turismo funcionaba xa en Madrid, así como nas dependencias da Axencia Turismo de Galicia. A extensión ás oficinas de Galicia permitirá cumprir co obxectivo de achegar a información e os servizos dixitais as persoas que viaxan tanto en orixe coma en destino.

A instalación dos equipamentos dixitais nas oficinas de turismo supuxo un investimento de algo máis de 254.250 euros, e contou con financiamento do Programa Operativo Feder 2014-2020.

Neste investimento están incluídos os contidos específicos para os videowalls das oficinas de Carretas, en Santiago de Compostela, e de Vigo. O de Santiago de Compostela ofrecerá información sobre o Camiño a as súas dimensións, con animacións sobre os distintos itinerarios. Tamén ofrecerá datos sobre as nacionalidades dos peregrinos que obtiveron a Compostela, así como sobre as asociacións de Amigos do Camiño de Santiago. Haberá, así mesmo, animacións sobre as localizacións da cidade, así como información sobre a presencia de Santiago no mundo. No caso de Vigo amosará os lugares máis emblemáticos da contorna da oficina, e proporcionará información sobre recursos como o Parque Nacional das Illas Atlánticas ou lugares próximos, como Santa Tegra.

A plataforma dixital de información turística conta cun software que permite a xestión centralizada de todos os equipos, e que está preparado tamén para soportar dispositivos de xestión de presencia que poida recoller datos.