Friday 22 de November de 2024

Galicia demanda xunto ao resto de rexións europeas a impliacación subestatal na aplicación dos Plans Nacionais de Recuperación e Resilencia


O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe nunha reunión extraordinaria da Mesa do Comité Europeo das Rexións

Na Declaración de Azores adoptada, o órgano de Goberno do CdR pide á Comisión Europea que extreme a vixilancia respecto á participación de rexións e municipios na posta en marcha dos plans de recuperación que van recibir os fondos do instrumento Next Generation UE

A reunión contou coa participación da ministra de Cohesión Territorial de Portugal, Ana Abrunhosa, e da directora xeral do Grupo de Traballo de Recuperación e Resiliencia da Comisión Europea, Céline Gauer

Unha vez que boa parte dos 27 Estados membros -entre eles, España- presentaron á Comisión Europea as súas propostas de plans de recuperación, o Comité Europeo das Rexións (CdR) chama agora a atención sobre a necesidade de que os entes locais e rexionais, que están en primeira liña da xestión da pandemia, estean plenamente implicados na execución destes plans. Así o plasmaron hoxe nunha declaración política apoiada polo representante galego, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo.
“A Comisión Europea está avaliar minuciosamente estes plans. O que lle pedimos hoxe é que extreme a vixilancia respecto á obriga que teñen os Estados de consultar coas rexións e municipios para a preparación e aplicación destes plans”, explicou Jesús Gamallo.
A representante da Comisión Europea, Céline Gauer, explicou, pola súa parte, como os plans tiveron que ser elaborados nun tempo moi curto, feito que impediu nalgúns casos un amplo diálogo con todas as partes interesadas pero que, malia isto, valoran positivamente a implicación subestatal conforme aos marcos xurídicos de cada Estado membro. Gauer anunciou, ademais, que o proceso de ratificación da decisión de recursos propios vai concluír a finais deste mes, polo que a Comisión Europea poderá xa comezar a emitir débeda pública para conseguir nos mercados os 750.000 millóns de euros previstos.
Recuperación económica e cohesión territorial
Esta declaración veu acompañada dun debate coa ministra de Cohesión Territorial de Portugal, como representante da Presidencia de quenda da UE, o presidente da Comisión de Desenvolvemento Rexional do Parlamento Europeo e o presidente do Comité Europeo das Rexións. Un dos temas salientados foi a necesidade de asegurar a complementariedade entre os fondos tradicionais de cohesión (FEDER e FSE) con estes novos recursos de Next Generation UE, evitando a toda costa o solapamento e a competencia entre eles.
Na declaración, o CdR pide tamén aos colexisladores da Unión que consideren a posibilidade de prorrogar as actuais medidas excepcionais de flexibilidade no uso dos fondos estruturais, como o 100% de cofinanciamento, e que se contemple un aumento temporal do limiar das axudas estatais de minimis para poder seguir apoiando ao sector sanitario, as pemes e os servizos públicos, que estiveron sometidos a fortes tensións durante a pandemia.