A Xunta, en colaboración co Centro de extensión universitaria e divulgación ambiental de Galicia (Ceida), impulsa este ano un ciclo de conferencias en liña para poñer en valor e analizar o traballo desenvolvido en cada unha das seis Reservas da Biosfera da Comunidade e así conmemorar o 50 aniversario da creación do programa MaB (Man and the Biosphere), posto en marcha pola Unesco en 1971 co fin de harmonizar a relación entre as persoas e o medio ambiente.
Hoxe celebrouse a primeira destas xornadas telemáticas, dedicada á Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, que foi clausurada pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez. Durante a súa intervención, a responsable galega salientou o papel clave que xogan os territorios englobados baixo esta figura, que busca por un lado mellorar a forma de vida dos seres humanos e polo outro, salvagardar os ecosistemas naturais cos que conviven e interactúan.
Neste sentido, salientou a importancia das seis Reservas existentes en Galicia, que abranguen un total de 63 concellos e ocupan o 25% da Comunidade, un grupo ao que aspira a sumarse tamén este mesmo ano a Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel.
En vista da importancia destes espazos desde o punto de vista patrimonial, económico e turístico, a conselleira explicou que a Xunta leva anos apoiando aos territorios distinguidos pola Unesco con esta figura.
En concreto, referiuse á creación da Rede Galega de Reservas da Biosfera e ás sucesivas ordes de axudas dirixidas aos concellos incluídos nelas. Así, cómpre lembrar que no caso das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo —que precisamente hoxe cumpre oito anos desde a súa declaración— a Xunta destinou o ano pasado 120.000 euros á execución de distintos proxectos municipais e a través da convocatoria de 2021 —a piques de resolverse— axudará a confinanciar novas actuacións.