O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente de Renfe, Isaías Táboas, presentaron este produto turístico, no que tamén participa o Inorde, e que se recupera con tódolos protocolos ante a covid-19
Alfonso Rueda destacou que se trata dunha experiencia que permite desfrutar do turismo tranquilo que ofrece Galicia e que reforza a imaxe da comunidade como un destino seguro
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente de Renfe, Isaías Táboas, presentaron hoxe a iniciativa Trens Turísticos de Galicia que se retomará despois de suspenderse o ano pasado debido á pandemia. Ao acto tamén acudiu a xerente do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), Emma González, organismo que tamén participa na colaboración pola que se pon en marcha a oitava edición deste produto turístico consolidado, que contará con 11 rutas e estritos protocolos ante a covid-19.
Por iso, Alfonso Rueda destacou que se trata dunha experiencia idónea para desfrutar dun turismo tranquilo e adaptada perfectamente ao novo modelo turístico demandado polos viaxeiros na actualidade e que ofrece a comunidade. Encadra a iniciativa no obxectivo da Xunta de continuar a reforzar a imaxe de Galicia como destino seguro, con medidas que axuden a recuperar a confianza dos viaxeiros como o seguro coronavirus que, dotado con 1,4 millóns de euros ofrécelles un plus de tranquilidade ao cubrir os gastos sanitarios, de aloxamento e transporte ante unha infección por covid-19 e cuarentena.
Os novos itinerarios botarán a andar o próximo mes e estenderanse ata outubro con 22 saídas con máis de 1.500 prazas permitindo descubrir as paisaxes e as marabillas da comunidade. Deste xeito, poranse en marcha as Rutas dos Faros, dos Pazos e Xardíns Históricos, dos Mosteiros ou da Lamprea, así como os seis trens turísticos que percorren os territorios de cada unha das cinco denominacións de orixe vitivinícolas: Rías Baixas, Ribeira Sacra -cunha delas polo río Sil e outra polo Miño-, Valdeorras e Ribeiro.
Ademais, desde 2019 con motivo do Xacobeo incluíuse unha nova ruta polos Camiños de Santiago para descubrir o patrimonio galego, nesta ocasión a través de tramos de tres dos dez itinerarios oficiais: chega a Sarria, punto de saída do Camiño Francés en Galicia, e inclúe visitas ao mosteiro de Sobrado dos Monxes (Camiño do Norte) ou ao mosteiro de Samos, tamén do Camiño Francés, e á cidade de Lugo (Camiño Primitivo).
Tanto os peregrinos que consigan a Compostela como os turistas que cheguen á cidade de Santiago en trens de alta velocidade e longa distancia e os usuarios dalgunha destas rutas turísticas poderán adquirir un bono Galicia Rail Pass con descontos especiais durante tres días para visitar distintos destinos de Galicia.
Nesta liña, a Xunta e Renfe tamén colaboran na promoción conxunta do turismo e a participación neste Ano Santo Dobre a través dos servizos de transporte ferroviario de Renfe, que pasará a ser recoñecido como transporte oficial do Xacobeo 21-22.