Saturday 16 de November de 2024

A Xunta destaca a importancia do Rally Terra da Auga para promocionar o Camiño de Santiago este Xacobeo e Galicia como destino seguro


A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe na presentación oficial da proba que se celebrará a próxima semana e incidiu en que Galicia tamén é un destino preferente para o turismo deportivo ao acoller probas de primeiro nivel

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou hoxe na presentación do Rally Terra da Auga-Camiño de Santiago a importancia desta proba deportiva de referencia que permitirá promocionar o Camiño de Santiago neste Xacobeo 21-22 e Galicia como destino turístico seguro. De feito, nesta edición que acollerá a comarca de Arzúa a próxima semana, cambia de apelido e pasa a denominarse Rally Terra da Auga-Camiño de Santiago, o que amosa unha aposta por promover o turismo da zona aproveitando a celebración do Ano Santo Dobre.

A Xunta colabora nesta proba que se celebrará o venres 4 e o sábado 5 de xuño e que se levará a cabo con tódalas medidas de prevención fronte á covid-19, contribuíndo a reforzar a idea de que Galicia é un destino seguro.

Nava Castro incidiu en que o deporte funciona como polo de atracción turística como neste caso, ao contar coa participación de pilotos de referencia ademais da implicación na súa organización do bicampeón de rallies, Luis Moya, que exerce como embaixador internacional da proba. Así, engadiu que se demostra que a unión de deporte e turismo é unha combinación gañadora e que Galicia tamén é un destino preferente para o turismo deportivo con eventos de primeiro nivel. Este deporte, ademais, adaptase ao modelo turístico galego de calidade e sustentable ao celebrarse ao aire libre en espazos abertos e en contacto co territorio en tramos polos que pasa o Camiño de Santiago.