A directora de Turismo de Galicia compareceu no Parlamento de Galicia para dar conta da evolución do noso territorio no camiño da excelencia turística
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, deu conta hoxe na Comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo do Parlamento de Galicia dunha pregunta arredor dos avances de Galicia en materia de calidade turística, que permitiron situar ao noso territorio en posicións de liderado nesta materia a nivel nacional.
“Galicia é sinónimo de calidade”, afirmou a directora de Turismo de Galicia, quen destacou que o Goberno galego leva apostando pola calidade desde hai case 30 anos, tanto a través de liñas de axuda para o incremento da calidade nos servizos e establecementos turísticos como a través da sinatura de convenios co Instituto para la Calidad Turística Española ou a creación da marca Galicia Calidade, en marcha desde 1994.
Unha aposta que deu os seus froitos cando a finais do ano pasado Galicia acababa o seu máximo histórico en certificacións Q de Calidad Turística, cun total de 328, 38 máis que en 2019. Esta cifra permítelle á nosa comunidade manterse como a segunda de España en termos absolutos en número de certificacións e liderar dez das categorías certificables: sete correspondentes aos sectores turísticos tradicionais (hoteis, axencias de viaxes, aloxamentos rurais, balnearios, portos deportivos, turismo activo e industrial) e nas tres tipoloxías de nova creación: aloxamentos sostibles, albergues turísticos e espazos públicos senlleiros, que sitúan a Galicia na vangarda da aposta pola calidade e a sustentabilidade turística.
“Galicia foi pioneira na idea de que a calidade era un valor engadido á hora de diferenciar a nosa oferta turística, apostando por un destino turístico de excelencia que agora nos sitúa en mellores condiciones para afrontar a recuperación do sector”, explicou Nava Castro, quen puxo en valor a presencia destacada que tivo o noso territorio na Noite Q 2021, a gala de entrega das distincións Q de Calidad que celebra o ICTE no marco de FITUR.