A comunidade educativa do colexio presenta no Salón de Plenos a súa Axenda 2021 que recolle un total de 17 ODS e as iniciativas postas en marcha para mellorar a vida das persoas e do medio ambiente
Hoxe no salón de plenos do Concello tocou clase de educación para o compromiso. O alumnado do colexio Esclavas presentoulles esta tarde á alcaldesa, Inés Rey, e aos concelleiros de Participación Cidadá e Educación, Yoya Neira e Jesús Celemín, a súa Axenda 2021, un proxecto en que toda a comunidade educativa se involucrou e que recolle un total de 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, ODS.
A alcaldesa, Inés Rey, felicitoulles pola súa iniciativa e por “ser o futuro do planeta” e mostrouse moi orgullosa do seu traballo e da súa conciencia social “e de todo o que representades para esta cidade”. A rexedora explicoulles como o Goberno local tamén traballa coa axenda 2030: “a nosa folla de ruta para ese mundo que queremos todas e todos”.
A rexedora sinalou que desde que chegou á alcaldía, un dos seus principais obxectivos foi establecer unha política baseada nestes obxectivos de desenvolvemento sostible: o coidado do medio ambiente, a igualdade plena, a mobilidade, a seguridade viaria e a mellora dos servizos sociais. Hoxe, dixo, podo afirmar que puxemos en marcha unha nova cidade do futuro.
Durante a presentación, alumnado, profesorado e familias, foron compoñendo un quebracabezas, que representa a súa forma de entenderen e interpretaren os ODS, “porque se falla unha ficha, o quebracabezas non está completo”, dixeron.
Os obxectivos do proxecto, explicaron, son amosar o seu compromiso para construíren un mundo mellor, aprender a importancia das pequenas actuacións locais para lograr cambios globais, cooperar para chegar acordos e responsabilizarse dos problemas da súa contorna.
Cada ODS comporta un compromiso por parte dos escolares: desde recoller libros infantís para doalos á asociación “Participa” que traballa con familias vulnerables, realizar unha rifa de produtos ecolóxicos en favor do Banco de Alimentos, poñer en marcha talleres de aprendizaxe entre iguais, ensinar a identificar os estereotipos de xénero que están ao noso ao redor ou mellorar as condicións das persoas que traballan no seu colexio, entre outros.