Friday 22 de November de 2024

A campaña de trampeo profesional contra a avespa velutina en Brión leva capturadas 1.099 raíñas e 1.079 obreiras


A quenda da segunda quincena de maio permitiu a captura de 253 raíñas e de 698 obreiras

A campaña de trampeo profesional que o Concello de Brión está a levar a cabo a través da empresa SERPA Servizos Privados Anti Velutina leva capturadas un total de 1.099 raíñas e 1.079 obreiras. Deste xeito, cando se supera o ecuador da campaña, os resultados son moi semellantes aos rexistrados no ano 2020, que se pechou cun aumento do 83,7% con respecto á primeira campaña.

Cando SERPA supera o ecuador da campaña de 2021, os resultados amosan que xa se superou nun 7% o número total de capturas do total de 2019 e que xa se levan capturados o 46% dos exemplares recollidos na campaña de 2020. De feito, en comparación coa campaña de 2020, a de 2021 está sendo máis frutífera na captura de raíñas e menos na captura de obreiras.

Nesta cuarta quenda, correspondente á segunda quincena de maio, recolléronse 253 raíñas e 698 obreiras. Un forte incremento na captura de obreiras que compensa un inicio atípico no que non se recolleu ningún exemplar nas primeira quenda e tan só 73 exemplares na segunda quenda, ambas no mes de abril. O trampeo desenvolverase ata finais de xuño.

Nos últimos días, os técnicos de SERPA procederon a recoller as capturas e repoñer os atraentes nas 112 trampas xeolocalizadas por todo o municipio. Dado que cada raíña é quen de formar ata 3 niños diferentes dentro do seu ciclo anual, estímase que nestas catro primeiras quendas se evitou a constitución de entre 1.099 e 3.297 niños potenciais.