O persoal contratado a través do PEL provincial tamén adecenta estes días outros espazos públicos
Máis dun cento de persoas recibiron xa o seu lote de planta para participaren no certame “San Sadurniño en flor”, que premiará as mellores decoracións florais en catro categorías: composicións de exterior, fiestras e balcóns, negocios e xardíns máis vistosos. O concurso desenvolverase de maneira un tanto virtual, xa que, ademais de inscribirse, tamén fará falla mandar tres fotos co resultado final para que o xurado poida facer as súas valoracións. O Concello ampliou o prazo para envialas até o 20 de xuño, co obxectivo de que as plantas teñan tempo de prender e coller corpo para lucir o mellor posible. E, mentres tanto, o propio consistorio tamén se quere sumar á explosión de cor engalanando distintos espazos públicos, ao tempo que prepara a súa candidatura para o programa Vilas en Flor deste ano.
Desde hai varios días están colocados na parte dianteira da Escola Infantil Municipal e no espazo que separa a sede municipal do Centro de Empresas un total de 8 macetóns de grande tamaño e unha rechamante cor verde. Neles medrarán outros tantos exemplares de Malus Coccinella “Courtarou”, un tipo de maciñeira brava -coñecida no mundo da xardinaría como “maceira púrpura”- que saca unhas fermosas flores vermellas na primavera e vai mudando a tonalidade da súa folla do púrpura ao cobrizo até a caída do outono.
A área de Desenvolvemento local distribuiunas neste espazo coa finalidade de vestir un pouco máis o acceso ás dependencias municipais desde o aparcadoiro, e tamén para darlle continuidade en certo modo aos xardíns que se estenden pola parte traseira do Concello. Máis adiante colocaranse varios bancos para que, ademais de lugar de paso, a zona tamén se preste a sentar. O adobío do lugar -onde hoxe se fixeron labores de limpeza- completarase en breve coa próxima renovación da planta que adorna as fiestras do pazo.
Outro sitio ao que se lle está cambiando o aspecto é a parte frontal da Casa da Cultura. O Concello decidiu librar o parterre das pequenas sebes que tiña e poñer no seu lugar outro tipo de planta. De momento a terra está a airear despois de virala, fertilizala e nivelala, pero nuns días virán para alí dúas oliveiras de porte medio -semellantes á que hai na nova rúa entre o Centro de Saúde e o pavillón- que irán alfombradas con herba e distintas especies de flor. Optouse por esta solución para darlle un aire distinto ao exterior do centro cultural, aínda que tamén tivo que ver a previsión dunhas menores necesidades de mantemento.
Por último, o persoal contratado a través do Plan de Emprego Local da Deputación tamén traballa estes días repasando e mondando outros puntos, como por exemplo a Fonte do pazo, o Campo da Feira ou as beirarrúas de Marqués de Figueroa.
Todos estes traballos -acompañados do mantemento de áreas recreativas e rutas, ademais da roza de pistas xa iniciada- forman parte do programa municipal de conservación de espazos públicos e, por outra banda, tamén pretenden que San Sadurniño mostre a súa mellor cara na convocatoria deste ano das estrelas de Vilas en Flor, na que o Concello se estreou en 2020 obtendo un distintivo.