Saturday 28 de September de 2024

Aberto o prazo de inscrición para participar na XX Carreira Popular Concello de Ordes


Os atletas poderán apuntarse ata o 25 de febreiro a través das páxinas web www.carreirasgalegas.com e www.atletismogalego.org, para as competicións escolares, e en www.championchipnorte.com no caso da proba absoluta
Ordes 10 febreiro 2015. Ata o 25 de febreiro o Concello de Ordes manterá aberto o prazo de inscrición para todas e todos aqueles que queiran participar na XX Carreira Popular, a cal terá lugar o vindeiro 1 de marzo durante toda a mañá. Trátase dunha das citas deportivas máis destacadas do municipio, que cada ano congrega a corredores e atletas profesionais e afeccionados de todas as idades. Para poder competir nas carreiras escolares (baby e cadete) hai que apuntarse nas páxinas web www.carreirasgalegas.com e www.atletismogalego.org. No caso da carreira absoluta (xuvenil, júnior, promesa, sénior e veteranos) haberá que facelo a través de www.championchipnorte.com. As distancias dos percorridos trazados para esta edición van dende os 500 aos 9500 metros.
A organización ten previstos premios en metálico de 150, 100, 80 e 50 € para os tres primeiros clasificados segundo as categorías individuais, clubs federados e grupos do municipio. Tamén haberá outro especial de 150 para o centro académico do municipio que achegue maior número de corredores, para o que será imprescindible que se inscriban a través de FGAsantiago@gmail.com. Tamén haberá trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría, así como para os tres primeiros homes e mulleres das carreiras xuvenil, júnior, promesa, sénior e veteranos. Ao podio tamén subirán os tres mellores tempos rexistrados na proba absoluta polos atletas censados no municipio, así como os participantes de maior e menor idade que completen o percorrido.
Para o rexistro e a correcta clasificación dos atletas participantes empregarase o sistema de cronometraxe da FGA e Championchip. As bases desta convocatoria xa se poden consultar na web www.ordes.gal. Ademais o Concello de Ordes porá á disposición dos participantes un servizo de duchas e vestiarios. Quen finalice o percorrido tamén recibirá avituallamento líquido e unha camiseta conmemorativa do evento.
Un ano máis o Concello de Ordes conta coa colaboración de importantes firmas comerciais da zona para a celebración desta importante cita co atletismo e o deporte. Entre elas destacan Infantilandia, Cola Cao, Carnicería Enrique, Seguros Reale, asesoría Jaime Castro, Pazo Bidueiro, Feiraco, Nocilla, Gadis e Eurofrut, ademais de Cruz Vermella Ordes.