Ángeles Vázquez salienta que o seu departamento destinará algo máis de 4.200 € a un evento que ao longo da súa existencia demostrou o seu compromiso coa sociedade e coa natureza
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de renovar o seu compromiso co evento Equiocio para a organización e impulso de iniciativas que teñan por obxectivo incrementar a conciencia e o compromiso dos seus socios, sobre todo dos máis cativos, para fomentar condutas medioambientais responsables.
A conselleira, Ángeles Vázquez, mantivo unha reunión con representantes da organización, que neste ano celebran a 30ª edición, e no que o seu departamento colabora cun total de 4.235 euros. Así, coñeceu o calendario de actividades e iniciativas ambientais para o presente ano, cuxo punto álxido será o evento que terá lugar en agosto e que se vén organizando desde 1992 en Ferrol.
Vázquez Mejuto destacou que ao longo da súa historia esta entidade demostrou o seu compromiso coa sociedade e coa natureza, e puxo como exemplo o trail solidario organizado en 2019, onde se animou á recollida de residuos ao longo do traxecto e parte da recadación da inscrición dirixiuse á Asociación de Fibromialxia e Fatiga Crónica do Noroeste (Affinor). Tamén destacan as rutas BTT accesibles e as actividades deportivas, talleres, charlas e aulas ambientais para promover o coñecemento, coidado e respecto da contorna.
Nese sentido, a conselleira sinalou que as actividades e iniciativas que desenvolve Equiocio é un marco consolidado para incrementar a conciencia ambiental dos seus socios e participantes, que nunha contorna amable, de ocio e fóra do seu ámbito habitual interiorizan que o coidado da contorna que habitan as persoas require dun coidado constante.