San Sadurniño pechou a contabilidade de 2020 con 1.8 millóns de euros de remanentes de tesouraría para gastos xerais que agora, tralo levantamento das restricións económicas da “Lei Montoro”, se poderán dedicar a distintos investimentos. Iso será o que ocupe o pleno ordinario deste mes de maio, que se celebrará de novo no salón de sesións do Concello a partir das 19.30h. deste xoves, aínda que sen público. Malia dispor desa contía total, o Goberno local proporá incorporar neste momento ao orzamento municipal un total de 1 millón de euros para habilitar partidas extraordinarias que se destinarán nun 60% -604.970 €- a infraestruturas e á adquisición de equipamentos, mentres que co 40% restante se cubrirán 282.828 euros de indemnización á Cooperativa de Explotación en Común de San Sadurniño pola ocupación de 70 ferrados de chan rústico na Cortiña -onde se encontran o arboreto, a horta de froiteiras e a nova área de autocaravanas-, así como os 117.240 euros dos custes salariais dun traballador expedientado polo Concello.
Nun primeiro momento da sesión deste xoves, o pleno deberá darlle a aprobación definitiva á Conta Xeral de 2020, que superou o período de exposición pública sen alegacións. Feito isto, o máximo órgano municipal poderá votar a incorporación do millón de euros de remanentes -dun total de 1.8 millóns- aos distintos capítulos que compoñen o orzamento municipal de 2021. Os 800.000 euros restantes quedarán para proxectos que sexa necesario facer no futuro.
A cantidade total que se acomodará no actual exercicio como créditos extraordinarios -partidas a maiores das que xa había- ascende exactamente a 1.005.038 euros, dos que 604.970€ irán parar a sete investimentos que abranguen a compra de equipamento e a mellora de infraestruturas.
Así, 127.000 euros resérvanse para a compra dun camión equipado especialmente para o servizo de recollida porta por porta e outros 71.390 para mercar un novo tractor con rozadora mecánica que lle dea o retiro ao vello “Fiat” que aínda hoxe presta servizo no departamento de Servizos.
Por outra banda os remanentes tamén servirán para financiar dous proxectos referidos á mellora de equipamentos públicos. 76.668 euros cofinanciarán -a Xunta pon outros 46.000- as obras de urbanización e mellora da fachada do pavillón municipal, ademais do cambio da cancha por outra de material homologado para a alta competición. Cunha segunda partida de 60.000 euros instalarase unha cuberta transparente sobre o patio interior da Casa do Concello, coa finalidade de mellorar a eficiencia enerxética de todo o edificio e de que o espazo poida usarse en distintos eventos incluso en días de auga.
Os maiores importes desta parte da modificación orzamentaria están orientados a servizos básicos como o saneamento e a rede viaria. Ao primeiro apartado dedicaranse 229.862 euros: 180.000 para a construción dunha nova liña de sumidoiros de Silvalonga á Portela e a súa conexión coa EDAR de Cornide onde, ademais, tamén se investirán preto de 50.000 euros en melloras da maquinaria de separación de lodos e de depuración. Os 40.000 euros restantes dirixiranse a un programa de reparación de pistas municipais.
Indemnizacións
Alén destes investimentos, os remanentes tamén darán para cubrir a compensación á Cooperativa de Explotación en Común de San Sadurniño polo chan rústico da Cortiña cedido hai máis dunha década ao Concello. Son 70 ferrados situados no entorno do paseo fluvial onde se encontran o Arboreto de especies autóctonas, a Horta de conservación Carlos Fornos e a nova área de autocaravanas. A contía, coa que se lle dá cumprimento á reclamación xudicial da entidade, ascende 282.828,60 euros.
En relación co anterior, con cargo aos remanentes tamén se lle dará cumprimento á sentenza que obriga ao Concello a pagarlle ao extesoureiro municipal os salarios e a seguridade social dos tres anos e un día en que estivo expedientado pola comisión dunha falta moi grave, posto que exerceu como liquidador da cooperativa mentres ocupaba o cargo de tesoureiro municipal sen que o Concello lle autorizase a compatibilidade de ambas funcións.
O xulgado do Contencioso-Administrativo recoñeceu que o expediente se instruíra correctamente e que, efectivamente, o funcionario cometera unha falta moi grave, pero considerou máis axeitado impoñerlle unha sanción de “demérito” -rebaixarlle dous graos a súa escala profesional-, o que supón o aboamento de 117.240 euros polo tempo que estivo suspendido de emprego e soldo.
Outros asuntos do pleno
Ademais destas cuestións principais, o pleno ordinario deste mes de maio tamén inclúe outros asuntos, como son a modificación de varios contidos do Convenio Colectivo do Persoal Laboral do Concello de San Sadurniño, unha moción do BNG sobre a reorientación que se lle debe dar ao modelo de enerxía eólica e o habitual apartado para rogos e preguntas.