Friday 22 de November de 2024

O Aquarium Finisterrae participa no proxecto ‘Diversify’ que explora o potencial biolóxico e socioeconómico de sete especies para impulsar a industria da acuicultura en Europa


O museo coruñés, que recibirá mañá a visita dun equipo de investigadores desta iniciativa europea, participa co estudo do ciclo reprodutivo e o desenvolvemento larvario da cherna para o seu cultivo

A Coruña, 10 de febreiro de 2015. – O Concello, a través da área de Cultura que dirixe Ana Fernández, informa de que mañá, mércores 11 de febreiro, un equipo de investigadores do proxecto europeo Diversify visitarán o Aquarium Finisterrae con motivo da súa participación, ata o ano 2018, nesta iniciativa financiada polo Sétimo Programa Marco da Unión Europea e integrado por diversos organismos de investigación e empresas de 12 países.
O proxecto ten como obxectivo explorar o potencial biolóxico e socioeconómico de sete especies, desenvolvendo métodos científicos que optimicen a súa reprodución e posterior produción coa finalidade de impulsar a industria da acuicultura en Europa. Neste sentido, a participación do Aquarium Finisterrae consiste en estudar o ciclo reprodutivo e o desenvolvemento larvario da cherna (Polyprion americanus) dentro das súas instalacións, así como facilitar material biolóxico a outros centros de investigación grazas ao importante stock de reprodutores desta especie que posúe o acuario coruñés.
Así, nesta visita, o equipo de investigadores visitarán o Aquarium Finisterrae para ver os seus 24 exemplares de cherna que son de alto valor para a investigación ao ser os únicos que tiveron repetidas postas espontáneas logrando, mesmo, un individuo adulto que está actualmente nun tanque de exposición.
Ademais do coordinador xeral de Diversify, Constantinos Mylonas, do Centro Helénico para a Investigación Mariña, asistirá o director do proxecto en Galicia, Tito Peleteiro, do Centro Ocenográfico – IEO de Vigo, así como outros científicos do Instituto Francés de Investigación para a Explotación do Mar-IFREMER, do Institute de Recerca i Tecnologia Agralimentaries, Universidade das Palmas de Gran Canaria, Consellería do Mar dá Xunta de Galicia (a través do Instituto Galego de Formación en Acuicultura e o Centro de Investigacións Mariñas). O Aquarium Finisterrae estará representado nesta visita polo biólogo encargado do proxecto,Antonio Vilar, e o director técnico, Francisco Franco del Amo.
Máis información do proxecto en www.diversifyfish.eu.