A alcaldesa, Inés Rey, acompañada da concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, e o edil de Educación, Jesús Celemín, visitaron as creadoras e creadores dos debuxos para felicitalas/os en persoa e animalas/os a que sigan achegando ideas en prol dunha cidade máis limpa e menos contaminante
A alcaldesa, Inés Rey, a concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, e mais o concelleiro de Educación, Jesús Celemín, acudiron este mediodía ao CEIP Fernández Latorre para felicitar as alumnas e alumnos de terceiro de Primaria pola súa proposta de decoraren os contedores da cidade con debuxos atraentes que finalmente ornamentarán un total de cen papeleiras situadas nos parques infantís. A alcaldesa sinalou que lles trouxeron os vinilos para que vexan como van quedar e que co proxecto demostraron estaren concienciadas/os co medio ambiente e en faceren unha cidade máis limpa.
Rey contou que a súa idea lles chegou por carta e que nela defendían que decorando este mobiliario urbano, a cidadanía usaría máis estes elementos. Desde xoaniñas a bolboretas ou unicornios, as nenas e nenos inspiráronse na natureza para presentaren as súas propostas que se reproducirán en distintos puntos da Coruña sen retoques “como premio a esa iniciativa tan bonita e de concienciación que tiveron”. A alcaldesa valorou o seu xesto e convidou o resto de colexios a que realicen as súas achegas que serán tomadas en conta para camiñarmos xuntos na mesma dirección.
Alcaldesa e edís entregáronlles ás pequenas e pequenos material escolar reciclado para que sigan creando e acheguen ideas co fin de mellorar a nosa contorna. Pola súa parte, Esther Fontán indicou que “é marabilloso poder comprobar que as crianzas teñen un compromiso medioambiental desde ben cativiñas/os, que lles preocupa o medio en que viven e que son conscientes da importancia que ten mellorar o noso planeta”.