No que levamos de ano realizáronse, no concello de Santiago, actuacións en beirarrúas de 79 rúas e espazos do centro da cidade e dos distintos barrios, a excepción do casco histórico. O balance presentouno o concelleiro de Barrios e Obras, Javier Fernández, xunto á planificación para os próximos meses.
Son pequenas obras de reparación, conservación ou cambio de adoquíns e/ou lousas. “Un mantemento constante”, segundo Javier Fernández, moi importante para a veciñanza, e “moi importante para os barrios”, que se realiza de xeito paralelo as actuacións asfálticas. Nestes cinco meses que levamos de 2021, a brigada municipal actuou en 23 rúas, e a empresa de mantemento en 56.
Estas actuacións, explicou o concelleiro, planifícanse en base a “uns parámetros obxectivos de avaliación, como o estado de conservación, a perigosidade que presentan, etc”. E a maiores, aténdense as urxencias que se van detectando.
Neste momento, explicou Fernández, acaban de rematar as actuacións de rebacheo e arranxo de beirarrúas na zona de San Lázaro. “Agora trasladámonos a Vista Alegre, e despois á avenida de Vilagarcía e á rúa de García Prieto”. A continuación, segundo a planificación da concellaría de Barrios e Obras, actuarase no Castiñeiriño, en Fontiñas e en Santa Marta. Tamén hai obras previstas na zona de Bonaval e en San Lourenzo. “Estamos esperando a que remate o curso”, sinalou Fernández,”xa que temos previsto realizar labores de mantemento nos arredores dos centros escolares de La Salle e Pío XII”.
A maiores, nesta planificación iranse incluindo as urxencias que se detecten. Para Javier Fernández, “é moi importante” a interacción coa cidadanía, coa veciñanza, para detectar o deterioro das beirarrúas, polo que pide que calquera incidencia que observen, lla traslanden ao seu departamento, co obxectivo de atendelas na maior brevidade posible.
Moitas desas incidencias chéganlle ao departamento, a través da liña verde. Unha canle, sinalou, “á que estamos moi atentos desde a concellaría de Obras. Isto permitiunos reducir considerablemente, polo que respecta ao noso departamento, os tempos de espera e resposta”.
Javier Fernández explicou que “pasamos de 102 días en 2016, ou 286 en 2017; a cero días na actualidade”. Neste momento, o departamento de Obras tarda unha media de 20 horas en responder, fronte as 2.549 de 2017 ou 6.875 de 2017. Tamén reduciron os tempos de solución, que se sitúan, neste momento, “nunha semana”, como destacou o concelleiro, o que equivale a 173 horas de media. En 2018, por exemplo, estes tempos estaban en 406 días e 9.747 horas.