Destaca a honra que supón para o deporte galego e para toda a comunidade acoller a edición 80 desta competición e anticipa que “a enorme expectación que xera fará que o Coliseum da Coruña se quede pequeno”
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou esta mañá na presentación da designación da Coruña como sede da Fase Final da Copa do Rei de Baloncesto 2016, onde destacou a honra que supón para o deporte galego e para toda Galicia acoller a edición 80 deste torneo. Anticipou que “a enorme expectación que xera fará que o Coliseum da Coruña se quede pequeno” e invitou aos afeccionados a vivir novos momentos históricos, dos que este deporte adoita regalar, máis aínda tendo en conta a boa traxectoria do Río Natura Monbus Obradoiro, o anfitrión galego da proba, “o que invita a soñar con gañar”.
O acto, celebrado no Salón de Plenos do Concello da Coruña baixo a presidencia do alcalde Carlos Negreira, contou así mesmo coa participación do presidente da Deputación, Diego Calvo, do director da Copa do Rei, Gerard Freixa, e do presidente da ACB, Francisco Roca.
Na súa intervención, o responsable de Deportes da Xunta chamou a atención sobre os oitenta anos que cumprirá esta competición o vindeiro ano, vinculando a súa lonxevidade á popularidade do baloncesto, un dos deportes máis practicados do mundo, “dos que máis mitos e lendas nos teñen dado en figuras, rivalidades históricas ou encontros para a lembranza de millóns de afeccionados”.
Lete Lasa manifestou que A Coruña e Galicia sempre responderon moi positivamente a este torneo, que ten recalado nas nosas canchas en oito ocasións, a primeira delas fai xa setenta e un anos, “regalando momentos históricos como o vivido no ano 89 nesta mesma cidade, cos 27 puntos de Petrovic que lograron o único título nacional que levou en España o mítico croata, o xenio de Šibenik, antes de partir á NBA”.
Despois de vinte e tres anos desde a última vez na que Galicia foi sede dunha Copa do Rei de Baloncesto –no ano 1993-, Lete Lasa asegurou que a edición de 2016 permitirá amosar de novo a nosa capacidade de organización e a ben coñecida hospitalidade galega. “Aquí vivimos intensamente o deporte, e esta Copa, coruñesa de sede e compostelá de anfitrión, galega en definitiva, volverá ser un éxito”, indicou.
O secretario xeral para o Deporte rematou agradecendo aos responsables da ACB a súa nova aposta por Galicia, unha comunidade que ocupa o sétimo posto en licencias de baloncesto e que está representada por vinte e un clubs nas ligas de ámbito nacional, cifras que animan á Xunta de Galicia a seguir traballando polo crecemento do baloncesto galego, da man de clubs, federacións, institucións e sociedade.
Copa do Rei de Baloncesto
A primeira edición da Copa do Rei disputouse en Madrid no ano 1933, converténdose na primeira competición de baloncesto que enfrontaba a clubs de toda España.
Actualmente dispútase a través de eliminatorias a partido único entre oito equipos –final a oito-, sendo estes os sete mellores da liga ACB ao termo da primeira volta, xunto co equipo anfitrión, da mesma liga. En total, celébranse sete partidos -4 de cartos de final, 2 de semifinais e a final-.
A cidade da Coruña sucederá como sede ás Palmas de Gran Canaria, que a vindeira semana recibe a edición 79 da Copa do Rei, do xoves 18 ao domingo 22 de febreiro.