Friday 22 de November de 2024

A Coruña convértese en xuño no escaparate mundial da marcha atlética


A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, confirmou que en outubro regresan as carreiras populares coa realización da C10.

A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, presentou esta mañá xunto ao presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, o XXXIV Gran Premio Internacional Cantones de Marcha-Trofeo
Sergio Vázquez, que se realizará o sábado 5 de xuño. Trátase, dixo a edila, dunha das competicións internacionais máis importantes da especialidade, que loce a placa de Patrimonio Mundial do Atletismo, “e poucas cidades no mundo poden presumir de tal galardón”. A responsable municipal mostrou a súa satisfacción porque, “nun ano tan complicado como este podemos realizar unha proba internacional que pon de manifesto a tradición atlética e deportiva da cidade”.

Martínez destacou que a calidade e a excelencia organizativa e deportiva asociadas aos Cantóns non pasaron desapercibidas para o World Athletics. Na Coruña realizouse unha Copa do Mundo, a primeira edición da Copa de Europa e bateuse unha plusmarca mundial. Desde 2003 forma parte do Challenge Mundial e en 2011 foi a cita final deste circuíto: “Toda unha serie de fitos que fan desta proba unha das
mellores do mundo e arredor da cal as e os atletas planean a súa temporada. Un plus este ano é que os resultados serán determinantes para as últimas prazas para os Xogos de Tokio, non se pode pedir máis emoción”, dixo.

A edila explicou que o Concello “leva meses traballando man a man coa Federación Galega de Atletismo para que esta volta da competición sexa todo un éxito” . Co fin de que a cidade puidese acoller a competición, o Goberno local de Inés Rey adiantou as obras que tiña previstas realizar nos Cantóns para consolidar o espazo gañado para as persoas durante a desescalada e que servirán como proba da
reforma integral que se acometerá nesta zona.

Martínez quixo destacar que esta, sen dúbida, será unha proba especial e moi emotiva porque servirá para renderlle homenaxe a Jordi Llopart, falecido recentemente. “O marchador, que tanto fixo por esta proba nos seus primeiros anos de vida, é protagonista do cartel da 34 edición coa presenza confirmada das e dos mellores atletas do mundo”, dixo.

Ademais, confirmou que o 3 de outubro regresan as carreiras populares coa realización o día 3 da C10, pero que polo momento non se sabe canta xente poderá participar: “Será a volta do atletismo popular e confiamos que poida ser ao grande”, dixo.

Pola súa banda, o presidente da Federación galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, cualificou a proba “como unha das máis importantes do atletismo en concreto desta especialidade tan difícil da marcha atlética”. Para Hornillos, este é e un ano moi especial porque “nos reencontramos con esta competición nun ano olímpico, con moitas ganas de competir”, e confirmou a participación de preto de 160 atletas de
29 países e a presenza de dous atletas galegos, Antía e Daniel Chamosa. “Temos todos os ingredientes para que a cidade da Coruña, que respira deporte, que respira atletismo, poida gozar dun grande evento como é esta XXXIV edición do Gran Premio Internacional Cantones”, dixo.

A competición, organizada polo Concello da Coruña e a Federación Galega de Atletismo, FGA, desenvolverase ao redor dun circuíto urbano de 1 km nos Cantóns, que terá no Obelisco a súa saída e meta. Disputaranse dúas probas independentes de 20 km. Ás 17.00 horas será a quenda para a categoría feminina, e ás 19.00 horas para a masculina. Durante a proba, polo seu carácter internacional, aplicarase o protocolo Covid-19 do Consello Superior de Deportes, e a organización velará porque a competición se desenvolva conforme aos máis estritos controis sanitarios, apostando pola transmisión por streaming para evitar a congregación de público.

Ademais, as e os atletas participantes realizarán todos o mesmo día da competición o test de antíxenos para descartar que calquera persoa infectada poida participar. O GP Internacional de Marcha Cantones da Coruña forma parte da Challenge WA de Marcha 2021 nos que tamén se atopa o Grande Premio Internacional de Rio Maior (Portugal), os Xogos Olímpicos de Tokio (Xapón) a Race Walking Permit Meeting Challenge da Cidade de México e a Invitational Race Walking Meeting de Acoalcos (México).