A Escola de Música Tradicional ‘O Son do Pote’ e o grupo da UNED Sénior de Lousame comezaron a súa particular xira polas parroquias do Concello de Lousame na xornada deste martes en Aldeagrande. Co obxectivo de promover a cultura segura e de levar á rúa a súa música, este grupo de 30 persoas de entre 8 e 80 anos percorrerán as aldeas lousamiás todos os martes ata o 22 de xuño.
Gaitas, pandeiretas, tambores, bombos e voces darán forma a un repertorio propio de música tradicional que inclúe rumbabria, pasodobres dos Matos, xota das Neves, foliada de Tállara, valse por terceiras, pasodobre Estreliña, pasodobre e muiñeira dos Viqueiras de Ordes e o pasodobre de Imende.
Fernando Docampo e Mariña Docampo dirixirán a este grupo nestes concertos a pé de rúa, nos que se cumpriran estritamente as medidas de seguridade en relación coa pandemia da Covid-19, e nos que as distancias de seguridade serán imprescindibles. “Estamos a vivir unha situación complicada a nivel social e por iso consideramos necesario fomentar a distracción, alegras as nosas tardes con música e ademais reivindicar as nosas tradicións”, explicou o mestre Fernando Docampo.
As vindeiras citas serán o martes 1 de xuño en Vilacova na área deportiva, ao lado da Taberna Vila da Cova e o martes 8 de xuño na área de Fruime xunto a igrexa. As localizacións dos seguintes concertos concretaranse máis adiante.