O Concello de Touro entregou un total de 6.500 máscaras infantís FFP2 no CPI Fonte Díaz para repartir entre os 250 nenos e nenas que cursan estudos neste centro público educativo. Adela Iglesias, concelleira de Cultura, Deportes e Educación, foi a encargada de entregar as máscaras nas instalacións do colexio á directora do CPI Fonte Díaz, Carme Rendo, que agradeceu o compromiso do Concello de Touro para velar pola seguridade sanitaria dos máis pequenos na loita contra a Covid19.
A cada neno ou nena que estuda no CPI Fonte Díaz correspóndenlle 26 máscaras infantís do modelo FFP2. O Concello de Touro, este mesmo mes, xa tiña distribuído entre a veciñanza do municipio un total de 54.000 máscaras para seguir facendo fronte á Covid19 e manter afastado o coronavirus.
A concelleira de Cultura, Deportes e Educación agradeceu a colaboración e receptividade do equipo de goberno do CPI Fonte Díaz coa iniciativa municipal. E lembrou que “aínda que o Concello de Touro está logrando manter unha insignificante incidencia de casos de Covid19 na súa poboación; é preciso manter a garda e non deixar de tomar todas as precaucións necesarias para que a Covid19 continúe afastada da vida da veciñanza de Touro”.
O Concello de Touro agradece o compromiso de toda a súa poboación na loita contra o coronavirus e aconsella seguir tendo presentes as tres M: uso da Máscara en todas as situacións, manter a distancia de 1,5 Metros e a desinfección e lavado de Mans.