Saturday 16 de November de 2024

Feijóo destaca o traballo, dedicación e compromiso dos novos conselleiros para seguir mellorando social e economicamente Galicia


Asevera que Valeriano Martínez reúne a preparación e o espírito necesario para afrontar o que resta de lexislatura, con retos tan importantes como a actualización e aprobación do Plan estratéxico da economía galega 2015-2020, a execución dos fondos europeos ou a necesidade de seguir orientando os recursos públicos cara á recuperación económica

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o traballo, dedicación e compromiso dos novos conselleiros: Valeriano Martínez, conselleiro de Facenda, e Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, para seguir mellorando social e economicamente Galicia.

Durante a toma de posesión dos novos membros do Goberno, Feijóo aseverou que o novo conselleiro de Facenda reúne non só a preparación senón tamén o espírito necesario para afrontar o que resta de lexislatura, con retos tan importantes como a actualización e aprobación do Plan estratéxico da economía galega 2015-2020, a execución dos fondos europeos ou a necesidade de seguir orientando os recursos públicos cara á recuperación económica.

Así mesmo, destacou a humanidade e honestidade de Valeriano Martínez; “por iso, non teño dúbida de que á fronte de Facenda, onde algúns ven unicamente porcentaxes e cifras, el verá un único obxectivo: seguir facendo de Galicia un lugar mellor para os galegos”, aseverou.
No tocante a Román Rodríguez, afirmou que a traxectoria do novo conselleiro de Cultura e Educación lle servirá para trasladar á Cámara o maior consenso posible nunha área tan sensible e para xestionala coa cercanía que caracteriza o municipalismo. “Este doutor en xeografía e profesor universitario ten experiencia no Parlamento, onde ademais era voceiro da área que agora lle toca xestionar; e ten experiencia de xestión no Concello de Lalín”, dixo, logo de expresar o seu convencemento de que logrará ser “ecuánime na política cultural, na política educativa e na política lingüística”.

O presidente da Xunta concluíu a súa intervención transmitindo a Elena Muñoz e a Xesús Vázquez “un enorme agradecemento” polo seu traballo ao longo destes anos: “Grazas Elena Muñoz por antepoñer a túa sensibilidade á frialdade dos números, e por esa permanente vontade de multiplicar peixes nun momento de escaseza no mar. E grazas Xesús Vázquez pola túa contribución a que a Educación pública deixase de perder o tempo en liortas que só forman parte do pasado e comezase a gañalo pensando nun futuro con máis idiomas, máis tecnoloxías para os nosos mozos e diminuíndo as taxas de abandono escolar; e por contribuír, tamén, a espallar a cultura universal de Galicia”.

Pola súa banda, o novo conselleiro de Facenda expresou o seu compromiso “coa honestidade, cun criterio de profesionalidade sempre servindo ao interese xeral e coa transparencia que a sociedade demanda de nós”. E o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria recoñeceu asumir o novo reto con “responsabilidade e ilusión”: “Non partimos de cero. Partimos dun proxecto xa en marcha, dun modelo que nos últimos anos ten permitido mellorar os resultados educativos, tanto en calidade como en equidade, e poñer a nosa cultura e a nosa lingua como cerne e sinal de identidade do noso ser colectivo. Vivimos nunha Galicia aberta, plural, inclusiva e diversa e a nosa educación e a nosa cultura son e serán piares que nos sitúan no mundo”.