Friday 22 de November de 2024

Trenor visita a Escola Infantil Cativos, que recibiu unha axuda de máis de 254.000€ para o seu funcionamento e para facer fronte á gratuidade de matrícula para segundos fillos e sucesivos


O delegado da Xunta na Coruña destacou o importante esforzo económico do Goberno galego para converterse nun referente na gratuidade da atención en educación infantil

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá a escola infantil de iniciativa social Cativos. Este centro recibiu unha axuda da Xunta de Galicia de máis de 254.000 euros nas anualidades 2021-2022 para gastos de mantemento, persoal, alimentación e outros gastos xerais e para a aplicación da bonificación do 100% do prezo correspondente á atención educativa pola gratuidade de matrícula para segundos fillos e fillas e sucesivos da unidade familiar.
Concretamente, este centro, que conta con seis unidades en funcionamento e 82 prazas para a atención a nenos e nenas de 0 a 3 anos, destinará máis de 205.000 euros da axuda para gastos de funcionamento e arredor de 49.000 euros para garantir a gratuidade dos segundos fillos e fillas e sucesivos.

Trenor destacou, neste sentido, o importante esforzo económico que está a realizar o Goberno galego nas escolas infantís dependentes de entidades de iniciativa social para apoiar o seu funcionamento e para garantir a gratuidade dos segundos fillos e fillas e sucesivos. Na convocatoria desde ano, que contou con dúas liñas, o Goberno galego reserva 7,5 millóns de euros para estas dúas liñas de axuda.

Pioneira en España
O representante provincial do Goberno autonómico recalcou que “Galicia converteuse en pioneira da gratuidade das escolas infantís para segundos fillos e sucesivos o pasado mes de abril. Esta medida aplícase no 100% dos centros públicos autonómicos, nos de iniciativa social e nos privados que reúnan as condicións necesarias”. “Así mesmo”, engadiu, “aquelas escolas infantís municipais que estean ao corrente cos pagos ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar tamén puideron solicitar adherirse a esta iniciativa”.

Trenor recordou que esta vocación de Galicia de converterse en referente na gratuidade da atención aos nenos desde os seus primeiros pasos non é novidosa, xa que desde 2016 as familias que viven en concellos de menos de 5.000 habitantes xa teñen acceso a un servizo 100% gratuíto coas casas niño.

Neste senso, agradeceu o traballo e o compromiso das profesionais destes centros, que son un piar fundamental na aposta de Galicia por unha educación infantil con vocación de excelencia.