O voceiro do Goberno local recordou na presentación da duodécima edición que o ano que vén se cumprirán 125 anos da primeira filmación cinematográfica na Coruña, a cargo de José Sellier
O voceiro municipal, José Manuel Lage, participou esta mañá na presentación da duodécima edición da Mostra de Cinema Periférico (S8), en que a cidade e mais o Concello se volven comprometer coa difusión de cine de calidade. O concelleiro destacou a recuperación de público para esta cita que comeza o venres e fixo fincapé no apoio que desde María Pita se lle dá a esta iniciativa ano tras ano: “Sabedes que contades co apoio, co cariño e o recoñecemento polo bo traballo feito e pola vosa contribución á difusión da cultura audiovisual contemporánea e de vangarda”. Ademais, engadiu que o Goberno de Inés Rey reforzou a súa aposta pola cultura durante esta pandemia e amosou a súa solidariedade e compromiso con aqueles sectores que peor o están pasando por culpa dela. Proba deste apoio do Concello ao cinema son os 116 títulos que se proxectaron no último ano e medio na filmoteca do Fórum, un total de 560 sesións que foron desfrutadas por 12.717 espectadoras e espectadores que puideron gozar dunha programación da maior calidade.
Neste aspecto, lembrou que o ano que vén se cumprirán 125 anos da primeira filmación cinematográfica realizada nesta cidade, a cargo de José Sellier, polo que a relación desta co cinema é moi importante, “unha longa relación baseada no amor declarado que as/os coruñeses senten desde sempre pola sétima arte”.
O (S8) regresa así desde o venres até o 6 de xuño á sala de cinema en formato dual e cunha extensa programación nas redes sociais de vocación divulgativa. A entrega deste ano reúne a cineastas veteranas/os con novos talentos. Deste xeito, a cineasta alemá Deborah S. Phillips, figura clave para entender a relación entre as belas artes e o cinema, compartirá protagonismo co británico James Edmonds e o xaponés Tomonari Nishikawa. Outro dos puntos fortes será o programa dobre sobre o granadino José Val del Omar, que xunta no seu traballo poesía, técnica e mística.
Pola súa parte, o director do (S8), Ángel Rueda, sinalou que a pandemia supuxo un volver a nacer e que aproveitaron as vantaxes da plataforma en liña que se creou – Camera Obscura- para afondar nesa idea de internacionalización que tiveron desde o principio. Nesta duodécima entrega non faltará a parte didáctica e creativa xa que o (S8) é o único festival do noso país que impulsa a promoción de novas e novos cineastas a través das residencias BAICC.
No acto tamén participaron o deputado Xurxo Couto, o director da AGADIC, Jacobo Sutil; e a directora de Programación de Acción Cultural Española, Isabel Izquierdo Peraile