Tamén arranxou parte da plataforma que discorre paralela á AC-862 malia tratarse de labores que, segundo o alcalde, “deberían ser atendidos pola Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade”
O carpinteiro contratado recentemente a través do PIL da Deputación da Coruña leva varios días atarefado na zona do paseo fluvial facendo traballos de mantemento nas pasarelas, escaleiras e varandas, que xa requirían un repaso despois de anos á intemperie e de soportar o trafego constante de paseantes incrementado nos últimos tempos. Porén, o seu labor de apuntalado, substitución de táboa e pilotes puxo de manifesto que dentro de pouco tempo será necesario facer unha intervención máis profunda para que estes elementos de acceso ao paseo duren outros tantos anos.
As reparacións comezaron pola plataforma que discorre paralela ao Muíño do Pepe, onde o que en principio ía ser choio de reparar unhas táboas soltas acabou converténdose no reforzo e nivelado de case 40 metros de estrutura. Uns labores urxentes de conservación asumidos polo Concello a pesar de que “deberían ser atendidos pola Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade xa que forman parte da beiravía dunha estrada autonómica”, tal e como explica Secundino García.
O alcalde recorda que o verán pasado xa se informou á AXI das deficiencias, así como da necesidade de darlle máis larganza á senda sobre a ponte, que nestes momentos impide o paso de cadeiras de rodas por mor da escasa separación entre a bionda da estrada AC-862 e a varanda de protección. “De momento non obtivemos resposta a estas necesidades e, mentres, desde o Concello só podemos facer pequenos arranxos de seguridade que nin sequera deberiamos facer porque non se trata dun ben municipal”, precisa o rexedor.
O que si son bens que lle compete conservar ao Concello son as escaleiras e as pasarelas que discorren pola beira do paseo fluvial. Tamén aí se está traballando para asegurar as estruturas e varandas, ademais cambiar táboas e chanzos danados polas enchentes, a humidade da terra e a acción dos xilófagos.
Unha primeira inspección antes de encargar os materiais e poñerse ao lío apuntaba a que abondaría con sacar pezas de madeira de certos puntos e cambialas por outras novas á medida. E iso é o que se está facendo en case todos os lugares onde se localizaron desperfectos, aínda que tamén hai elementos -como por exemplo as escaleiras de baixada desde a estrada de Ortigueira- que será necesario reconstruílos, se non por enteiro, si na súa maior parte.
As cuestións máis doadas de resolver xa quedaron hoxe listas e a partir de mañá o carpinteiro contratado eventualmente polo Concello porase coa reparación da escaleira, que conta deixar rematada nos próximos días facendo cada xornada laboral tramos completos para que poida ser utilizada polas tardes aínda que o traballo non estea completado. Despois trasladarase á pasarela que arranca na ponte de Cornide para cambiar un dos pilotes que soportan parte da estrutura.