A concelleira de Deportes: “A Coruña é un referente na cultura deportiva e tras este gran parón que supuxo a pandemia, regresamos con novos retos e probas, con iniciativas que fomentan a afección”
A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, participou esta mañá na presentación da XXV edición do Rally da Coruña que terá lugar os días 28, 29 e 30 de maio. A proba reunirá un total de 153 pilotos, récord de participación e con 3 persoas aspirantes ao título Víctor Senra, Iago Caamaño e Alberto Meira. A cita automobilística, organizada pola escuadra One Seven, é o arranque do CampionatoGalego.
A responsable de Deportes destacou as ganas de asfalto e competición que se viven na cidade cunha proba que retorna despois dun ano moi complicado. Martínez apuntou que o rally discorrerá de novo por chan herculino cun esquema renovado. A cidade será de novo a protagonista e a proba contará cun novo percorrido. “Un dos atractivos desta proba é sen dúbida a recuperación dun treito urbano, que percorrerá case 3 quilómetros pola zona do parque de Bens. Este será o treito co que remate a carreira, e oxalá sexa decisivo para aumentar a emoción da proba”, confirmou.
A Coruña é, dixo, un referente na cultura deportiva e tras este gran parón que supuxo a pandemia, regresamos con novos retos e probas, con iniciativas que fomenten a afección: “sabemos que moitas coruñesas e moitos coruñeses agardan con ilusión esta data. Os/as pilotos/as, a organización e o Concello aínda máis porque o feito de que se poida celebrar confírmanos que nos estamos a recuperar pouco a pouco”.
Martínez subliñou a repercusión que teñen os rallys na nosa comunidade e o público que moven. “As ganas de carreiras non son só para as e so pilotos, tamén para a afección e, por iso, desde o Concello non deixaremos de apoiar todas as prácticas deportivas. pero nesta ocasión pedimos encarecidamente responsabilidade”, sinalou.
E lembrou que, tal e como sinalou a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, aínda que a situación mellora, non se pode esquecer que estamos en pandemia e con moitas restricións. “Cremos que a saúde é o máis importante porque é un elemento determinante da calidade de vida polo que pedimos moita prudencia para evitar aglomeracións”, dixo a concelleira.
Por último, a concelleira animou a cidadanía a situarse na liña de saída “xa que de aquí en diante quédannos moitas citas deportivas que disputar. A Coruña respira deporte e este venres toca gozar, iso si, con sentidiño”.
Pola súa banda, o responsable da escuadra One Seven, Álvaro Muñiz, agradeceulle ao Concello o seu apoio e asegurou que durante a proba se tomarán todas as medidas para garantir a seguridade. Muñiz confirmou que nos vindeiros días se fará público o acto simbólico que substituirá a tradicional saída no Parrote.