A alcaldesa, Inés Rey, trasladouse a Madrid para asinar o convenio que permitirá que a nova infraestrutura ferroviaria sexa una realidade
O proxecto terá un custo de preto de 80 millóns de euros e está previsto que sexa cofinanciado con fondos europeos
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, viaxou hoxe a Madrid para pechar o convenio que suporá o impulso definitivo para a construción da Estación Intermodal. A rexedora asinou o convenio marco xunto ao ministro de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, José Luis Ábalos; a presidenta do ADIF, Isabel Pardo de Vera, e a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez. O convenio especifica os compromisos de cada Administración e, polo tanto, permitirá iniciar as obras da estación, unha infraestrutura que axuntará o transporte ferroviario co de autobús na que cooperarán as tres Administracións de forma conxunta.
Inés Rey subliñou que a nova estación permitirá completar o modelo de mobilidade da cidade que xa está en marcha baixo o seu goberno e que tamén definirá a conectividade coa área metropolitana, con Galicia e co resto de España. “Unha vez máis o diálogo co resto de administracións dá os seus froitos, é o que reclama a cidadanía nun momento tan complicado como o que vivimos, que sexamos quen de entendernos, como temos feito en asuntos tan relevantes como o tren a Langosteira ou o novo Chuac”, explicou a alcaldesa.
O proxecto terá un custo próximo aos 80 millóns de euros e está previsto que sexa cofinanciado con fondos europeos. O texto acordado establece que ADIF se encargará da parte da infraestrutura ferroviaria, mentres que a Xunta construirá a nova terminal de autobuses. O Concello urbanizará os accesos ao complexo e culminará os cambios urbanísticos necesarios que xa están en tramitación.
Entre as actuacións que se levarán a cabo dentro do proxecto da Intermodal figuran a remodelación da actual estación ferroviaria de San Cristovo en coordinación coa execución dunha nova estación de autobuses, que se situará nos terreos da actual infraestrutura entre a avenida da Sardiñeira e as vías do tren. Entre esta avenida e a de Arteixo crearase un viario que servirá de conexión entre ambas e coa nova estación. A Intermodal non suporá só un cambio esencial na mobilidade, senón que tamén permitirá impulsar a transformación e modernización dunha parte moi importante da cidade.
As avenidas da Sardiñeira e do Ferrocarril, así como os seus nodos de conexión, serán obxecto dunha ampla remodelación, que incluirá a creación dun paso inferior entre a segunda rúa e o futuro aparcamento baixo a nova estación de autobuses. Dentro do contrato de remodelación da estación ferroviaria, a ADIF redactará un proxecto independente que inclúe as infraestruturas ou instalacións compartidas coa terminal de autobuses facilitando a coordinación e compatibilidade de ambas as infraestruturas. Os traballos de redacción dos proxectos de adaptación da remodelación da estación ferroviaria e elementos comúns coa estación de autobuses teñen prevista a súa finalización este ano.
Rey agradeceu o compromiso do Ministro de Transportes, José Luís Abalos, e da Presidenta do ADIF Isabel Pardo de Vera, para o impulso desta infraestrutura esencial para o futuro da cidade.
INVESTIMENTOS ACADADOS
A sinatura do convenio da Intermodal culmina unha longa lista de investimentos acadados polo Goberno de Inés Rey nos dous primeiros anos de mandato, lista que suma máis de 700 millóns de euros comprometidos por outras Administracións e que, ademais da Intermodal, inclúe o xa citado ferrocarril a Langosteira, o saneamento da ría do Burgo, a construción do novo CHUAC, a reforma de Alfonso Molina e a construción da pasarela de Pedralonga e a ampliación da Ponte da Pasaxe. “A Coruña recibiu nestes dous anos un impulso esencial para a súa transformación, impulso co que buscamos crear unha cidade máis amable, máis humana, con máis servizos e con máis oportunidades, máis necesarias que nunca”, indicou Inés Rey. A alcaldesa salientou que “o compromiso inversor do Goberno do Estado coa Coruña constitúe o impulso da maior transformación urbana da nosa cidade, desde a construción do paseo marítimo impulsada polo alcalde Francisco Vázquez e o ministro Josep Borrell.