Friday 22 de November de 2024

O Presidente da Xunta nomea conselleiro de Facenda a Valeriano Martínez e conselleiro de Cultura e Educación a Román Rodríguez


Valeriano Martínez viña exercendo como secretario xeral da Presidencia da Xunta de Galicia desde 2009

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, asinou os decretos para nomear a Valeriano Martínez como novo conselleiro de Facenda e a Román Rodríguez como novo conselleiro de Cultura e Educación, en substitución de Elena Muñoz e Xesús Vázquez respectivamente.

Valeriano Martínez García naceu en Aldán (Cangas) en 1961, é licenciado en ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Santiago de Compostela e diplomado en Xestión de Xerencia Hospitalaria pola Escola de Alta Dirección e Administración. Desde 1985 é funcionario do corpo superior de administración xeral da Consellería de Economía e Facenda. Ata a data exercía como secretario xeral da Presidencia da Xunta de Galicia. Anteriormente, entre outras responsabilidades, foi director xeral de Recursos Humanos do Sergas, director xeral de Transporte e auditor do Consello de Contas de Galicia.

Román Rodríguez González, nado en Lalín en 1968, é doutor en Xeografía pola Universidade de Santiago de Compostela, na que se licenciou con premio extraordinario e onde é profesor titular. Posúe un título de máster en Desenvolvemento Local. Actualmente é deputado autonómico e desempeña o cargo de viceportavoz no Grupo Parlamentario Popular así como portavoz nos eidos de Educación e Ordenación do Territorio. Forma parte da corporación local de Lalín como teniente alcalde.

Os novos conselleiros de Facenda e de Cultura e Educación tomarán posesión do cargo martes, 10 de febreiro, ás nove horas no Pazo de Raxoi.