Friday 22 de November de 2024

O concurso de fotografía “Muller traballadora” do Concello de Oroso cumpre un lustro


Aberto a veciños e veciñas das comarcas de Ordes e Santiago, os orixinais deberán entregarse na Biblioteca Municipal de Sigüeiro antes do 27 de febreiro

9 de febreiro de 2014.- O Concello de Oroso vén de convocar a quinta edición do concurso de fotografía “Muller traballadora”, un certame aberto a todos os veciños e veciñas das comarcas de Ordes e de Santiago de Compostela, sexan profesionais ou afeccionados. A única esixencia é que a temática das imaxes debe xirar en torno a situacións que reflictan o traballo das mulleres, en calquera eido.

As fotografías, cun máximo de tres por participante, deberán presentarse na Biblioteca Municipal de Sigüeiro antes do vindeiro 27 de febreiro. O Concello de Oroso destina 500 euros en premios: 250 euros para a fotografía gañadora, así como 150 e 100 euros para o segundo e o terceiro clasificados. Con todas as fotografías, o Concello de Oroso organizará unha exposición que poderá visitarse do 6 ao 20 de marzo no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa.

Novidades nas bases

As bases do concurso permanecen practicamente igual ca en edicións anteriores, coa importante salvedade de que nesta ocasión será obrigado estar presente no acto de entrega de premios, que se celebrará o 6 de marzo, ás 20:00 horas, no centro cultural de Sigüeiro. No caso de non poder asistir, poderase delegar noutra persoa.

As fotografías deberán ser orixinais e non ter sido premiadas noutros concursos. O seu formato será de 20 x 30 centímetros, en cor ou en branco e negro, e presentaranse sen montar, sen paspartú, sen marco nin cristal. As bases do concurso prohiben expresamente o uso de calquera programa de retoque fotográfico.

As fotografías entregaranse baixo o sistema de plica e cun CD coa imaxe en formato dixital. Ademais, aquelas imaxes nas que apareza unha persoa identificable deberán contar co consentimento da persoa retratada. Todas as bases do concurso poden descargase da web municipal (www.concellooroso.com).