Monday 25 de November de 2024

Comezan os traballos para retirar a duna de protección da praia de Riazor de cara á tempada estival


A Concellería de Medio Ambiente está instalando ramplas nos areais de Oza e Santo Amaro para lles garantir a accesibilidade ás persoas con diversidade funcional

A concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, anunciou esta mañá que o Concello iniciou xa os traballos para retirar a duna que se coloca cada ano no areal de Riazor como barreira de protección de cara a preparar as praias para a tempada estival. Os traballos estarán terminados en cinco ou seis días dependendo da climatoloxía, dixo a concelleira.

A Concellería de Medio Ambiente comezou xa cos preparativos para pór a punto os areais da cidade, que un ano máis ondearán as súas bandeiras azuis e cuxas augas obtiveron a cualificación de excelentes para o baño. A tempada iniciarase o vindeiro 15 de xuño. O Concello está realizando labores de limpeza e habilitando aseos e duchas nas praias.

Ademais, o Goberno de Inés Rey, no marco do proxecto de reforma dos accesos das praias que se financia con fondos Eidus, está a piques de finalizar as obras de instalación de ramplas para lles garantir a accesibilidade ás persoas con diversidade funcional nas praias de Oza e Santo Amaro.