Thursday 21 de November de 2024

O Concello de Padrón e a Universidade de Santiago ofrecen seis charlas formativas gratuítas para maiores de 50 anos


As sesións terán lugar entre o 23 e o 30 de xuño no Auditorio Municipal

Concello de Padrón e a Universidade de Santiago de Compostela van poñer en marcha unha nova edición de “Camiños de coñecemento e experiencia, proxecto de democratización do coñecemento”, un programa gratuíto de formación universitaria dirixida á veciñanza maior de 50 anos. O prazo para realizar a inscrición está aberto dende hoxe e pode realizarse no Centro Social, no Campo do Souto,2, en horario de 09:00 a 14:00 horas.

Esta iniciativa, froito dun convenio asinado entre ambas institucións, forma parte do Programa Universitario de Maiores, ‘IV Ciclo’ e inclúe tres seminarios teóricos, dúas sesións prácticas e unha visita, que terán lugar entre o 23 e o 30 de xuño en horario de 16:30 a 18:00 horas.

A concelleira de Cultura, Lorena Couso, destacou que “este programa goza habitualmente dun gran éxito entre a cidadanía de Padrón, polo que dende o Executivo afanámonos por manter esta colaboración. Sen dúbida, é unha gran oportunidade ter acceso a estes seminarios da Universidade de Santiago de Compostela.”

Programa

O 23 de xuño terá lugar o primeiro seminario, ‘Envellecemento saudable’ co doutor Víctor M. Arce Vázquez, vicerreitor de estudante e proxección internacional e profesor titular de Fisioloxía da Facultade de Medicina e do Programa Universitario para maiores IV Ciclo da Universidade de Santiago de Compostela.

O 24 de xuño, o profesor do Programa Universitario para maiores IV Ciclo e investigador da USC, Álvaro Dosil, impartirá o seminario ‘O cine como linguaxe’.

O 25 de xuño o doutor José Manuel Fernández García, médico de atención primaria, coordinador do grupo de nutrición Semergen e profesor colaborador do Programa Universitario para Maiores, IV Ciclo, dirixirá a visita á Facultade de Medicina en Santiago de Compostela.

Os días 28 e 29 de xuño o profesor do Programa Universitario para Maiores, IV Ciclo e profesor da facultade de Xeografía e Historia, Anxo Rodríguez Lemos, impartirá, en primeiro lugar, o seminario ‘Escribir sobre a nosa historia. Obxectos, soportes e instrumentos de escritura’ e, posteriormente, o obradoiro ‘Análise de materiais arqueolóxicos e documentais por parte do alumnado’.

Finalmente, o día 30 de xuño a investigadora e profesora do Programa Universitario para Maiores, IV Ciclo, Laura Touriñán, será a responsable de desenvolver unha sesión práctica sobre cine.

“Camiños de coñecemento e experiencia” é un programa organizado pola Vicerreitoría de Titulacións da Universidade de Santiago de Compostela e polo Concello de Padrón, que ademais conta coa colaboración da Consellería de Política Social e a Deputación Provincial da Coruña.