Os cambios propostos polo Concello afectan sobre todo ao núcleo urbano do Temple xa que se delimita novo solo urbanizable para usos terciarios co fin de reforzar e consolidar esta zona como eixo de diferentes actividades económicas
Tamén clasifica como solo urbano un ámbito de 3.295 m2 consolidado por edificacións e infraestruturas urbanas, recoñecendo así a realidade existente
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de aprobar definitivamente a modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Cambre no ámbito da estrada N-VI, uns cambios que teñen como finalidade realizar unha ordenación integral dos bordos desta infraestrutura ao seu paso polo municipio co fin de potenciar a economía local e as actividades xa existentes.
A modificación urbanística promovida polo Goberno local persegue dous obxectivos básicos. Por unha banda, delimitar novo solo urbanizable para actividades terciarias e usos dotacionais nun ámbito de case 44.000 m2 na zona do Temple, un núcleo urbano onde xa se teñen desenvolvido varias actuacións polo que a nova delimitación contribuiría a reforzar e potenciar a economía local e as actividades asentadas neste ámbito, actualmente consolidado como un dos eixos máis dinámicos da comarca.
Así mesmo, a segunda xustificación desta modificación puntual é corrixir a normativa urbanística en vigor –aprobada no ano 1994 , que non clasifica como solo urbano un ámbito de 3.295 m2 situado ao leste e consolidado pola edificación e o nivel de infraestruturas urbanas existentes, recoñecendo así de facto a realidade actual desta zona.
Por todo o exposto, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de acordar a aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de Cambre ao entender que se dan razóns de interese público que xustifican os cambios propostos desde o punto de vista social e económico.
Con esta resolución, culmínase a tramitación da modificación aprobada inicialmente polo Concello de Cambre en maio de 2018 e sometida a continuación a información pública durante dous meses. Tras recadar os informes sectoriais preceptivos e darlle audiencia aos municipios limítrofes, o pleno municipal aprobou provisionalmente a devandita modificación o pasado xaneiro, remitindo á Xunta o expediente completo en aplicación da Lei do Solo.
Inscrición e publicación
Tendo en conta o obxecto desta modificación puntual e considerando que se dan as razóns de interese público esixidas na Lei do Solo para modificar o instrumento de planeamento vixente, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a proposta da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resolveu outorgarlle a aprobación definitiva.
O seguinte paso será que a Xunta proceda á inscrición da modificación puntual das normas subsidiarias de Cambre no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia e á publicación da orde de aprobación no DOG para que, finalmente, o Goberno local publique no Boletín Oficial da Provincia a normativa e as ordenanzas correspondentes. Tras estes trámites, que levarán ao redor de dous meses, a modificación puntual entrará en vigor.