O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou esta mañá no simulacro de “Activación da situación 2” na provincia coruñesa por un incendio forestal en Mugardos
Santiago Villanueva explicou que o obxectivo do exercicio é comprobar a coordinación dos servizos implicados operasen con total coordinación co centro de mando da emerxencia no caso de situacións de lumes con perigo para bens, persoas e infraestruturas
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou esta mañá no simulacro de Activación da situación 2 na provincia de A Coruña dende o Centro de Coordinación Operativo (CECOP) que, ante a evolución desfavorable, trasladouse á área do incendio. Tamén asistiron o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), Marcos Araújo, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.
Santiago Villanueva destacou que con este exercicio trátase de simular unha emerxencia provocada por un incendio forestal que afecta e pon en perigo unha zona de vivendas e infraestruturas de comunicacións que obriga a declarar a situación 2 como sucedeu na vaga de incendios forestais de outubro de 2017. Deste xeito, con este exercicio, no que participaron máis de 100 efectivos e medios terrestres e aéreos, preténdese comprobar que os procedementos de traballo e os medios humanos e materiais, operasen con total coordinación. O resultado foi positivo por parte de todos os axentes participantes.
Neste simulacro, os participantes adestraron ademais actividades que desenvolverán os grupos operativos como os confinamentos, os cortes de estradas, a atención aos feridos, pautas de extinción, traslado dos medios e a xestión das fichas de control de medios.
Detalles do simulacro
O simulacro comezou ás 08,45 horas, e baseouse nun suposto lume no monte da Gallada de Piñeiro, no lugar de Lodairo, que podería poñer en perigo un núcleo de vivendas, e unha capela en horario de misa.
Inicialmente, activouse o Plan Especial de Protección Civil ante Emerxencias por Incendios Forestais na Comunidade Autónoma de Galicia (Peifoga), en situación 0, e posteriormente dada a evolución do lume pasouse a situación 1 e a situación 2, activándose o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga 2021)coa mobilización dos diferentes Grupos Operativos.
A activación foi decretada delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, director do plan, participando no Comité Asesor o alcalde de Mugardos, a xefa territorial da Vicepresidencia Primeira, o xefe territorial de Medio Rural da Coruña e un representante da Delegación de Goberno.
No simulacro interviron axentes forestais, brigadas contraincendios, motobombas do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais (Spdcif), bombeiros de Ferrol e das Pontes, Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) de Mugardos, Ares, Fene, Cabanas, Neda e Ferrol, Policía Local de Mugardos e Ares, Garda Civil, Policía Autonómica, 061, persoal da Delegación do Goberno e persoal e medios da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior e da Axega.
O Posto de Mando Avanzado (PMA) estableceuse nas proximidades da Sociedade Cultural e Recreativa San Xoan de Piñeiro e o Centro de Recepción de Medios (CRM) nas proximidades de la Igrexa San Xoan de Piñeiro.
Durante o simulacro realizáronse accións relativas ao confinamento da poboación así como evacuacións puntuais dalgunha vivenda e posterior alonxamento dos asistentes a misa na Capela. Tamén se realizaron cortes da estrada AC-133, en rúas do núcleo de Lodairo, pistas, camiños e controis de accesos, e simulacións de corte na VG 1.2.
A intervención fíxose na zona forestal e nas vivendas próximas o lume no núcleo de Lodairo. Durante a mesma tiveron que participar medios sanitarios para evacuar a un afectado polo fume e atender a un ferido nas tarefas de extinción. Ás 13,00 horas a situación do simulacro do lume deuse por controlada, sen perigo para as persoas e os bens, dándose por desactivada a situación 2, coa finalización do exercicio.