Friday 22 de November de 2024

O Concello da Pobra convoca un proceso selectivo para formar unha bolsa de emprego para socorristas


Unha vez aprobadas as bases reguladoras que rexerán o proceso selectivo para a formación dunha bolsa de emprego para socorrista e socorrista-xefe/a de posto, o Concello da Pobra do Caramiñal efectúa a convocatoria das probas selectivas mediante un concurso-oposición para a cobertura en réxime laboral temporal dos postos indicados.

As persoas aspirantes deberán reunir unha serie de requisitos mínimos segundo o cargo. No caso de que se queira optar a contratos supeditados á subvención da Xunta dentro do programa de Salvamento e socorrismo, as persoas candidatas deberán estar rexistradas nas oficinas de emprego do Servizo de Emprego Público Estatal (Sepe) como demandantes de emprego para o posto de socorristas. A dita condición haberaa que cumprir no momento en que se formalice o contrato.

As persoas interesadas deberán solicita-la súa participación mediante unha instancia dirixida ó alcalde, conforme o modelo que consta no anexo I, segundo corresponda, das mencionadas bases.

As solicitudes presentaranse a través da sede electrónica municipal ou no rexistro xeral de entrada do Concello da Pobra do Caramiñal, en horario de 08.00 a 14.00 horas, no prazo de 10 días hábiles que se contarán a partir do seguinte ó da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP), neste luns 24. Se optaren por presenta-la solicitude nunha oficina de Correos, farano nun sobre aberto para que a instancia sexa datada e selada pola funcionaria/o de Correos antes de ser certificada. Neste caso e cando se presente a instancia noutro rexistro público diferente ó da Administración local pobrense, as persoas solicitantes, antes de remata-lo prazo de presentación de solicitudes, deberán remitir unha copia escaneada da instancia debidamente selada ou rexistrada ó enderezo electrónico rexistro@apobra.gal. Xunto coa solicitude débense achega-las copias simples dos documentos indicados nas bases. Toda a información detallada está á disposición no taboleiro de anuncios do Concello e na referida sede electrónica.